Guerra profunda

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

internet

04 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Os cabos submarinos de telecomunicación existen desde metades do século XIX. Os que uniron o Reino Unido cos EE.UU. facilitaron a este país converterse nunha potencia industrial, respaldo do Imperio británico. Cando os EE.UU. decidiron apoderarse de Cuba e Porto Rico axiña planearon cortar as comunicacións telegráficas —necesariamente submarinas— das illas caribeñas coa metrópole.

As comunicacións transatlánticas vía satélite gañaron a partida aos cabos submarinos de cobre durante apenas dúas décadas (dos anos 60 aos 80 do século XX), mais todo volveu ao fondo do mar cando as fibras ópticas se impuxeron polo seu diámetro mínimo e a súa enorme capacidade de transmisión.

Hoxe as comunicacións transoceánicas dos países da OTAN están baseadas en cabos submarinos de fibra nun 95 %. Estes cabos teñen un punto débil: o de afloramento na costa, con instalacións atacables —mais protexibles— desde terra. Tamén desde o mar pódese facer mal uso da tecnoloxía robótica de acceso, para reparacións e melloras, a cabos inermes nos fondos. É coñecida polas armadas de todo mundo, incluso de Rusia: velaí, logo, a preocupación da Google, da Amazon e demais donas de cabos Europa-EE.UU., xunto cunha atenta vixilancia da OTAN sobre as «rutas da fibra». A desconexión física é obxectivo principal da ciberguerra.