Un modelo de transporte sen futuro

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑA EMPEZA HOXE

OPINIÓN

Manuel Lorenzo | Efe

22 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Os transportistas autónomos non poden máis. Traballan no límite e  susténtanse na auto-sobre-explotación. Traballan sempre máis do que o corpo aguanta e agora menos do que a subida dos prezos do combustible lles obriga. Requírense solucións a curto prazo, pero o asunto ten mal amaño a longo prazo. O estalido dos chalecos amarelos en Francia tivo o mesmo detonante, o prezo do gasóleo, que este conflito. A contundencia da paralización do transporte de mercadorías por estrada fai pensar que algúns primeiro racharon as rodas dos camións e despois convocaron un paro que está logrando deter a actividade no agro, a industria e a pesca. O goberno estivo lento na reacción e politicamente pouco fino na explicación.

Urxe unha solución política, pero o asunto a medio prazo require solucións estruturais sen demora. Os custes da produción e a distribución baseada no petróleo son insostibles porque se trata dunha fonte de enerxía finita e contaminante. Hai medio século que isto é coñecido, pero rachar inercias é máis difícil que propiciar enerxías alternativas e formas de produción sustentables. Todo o mercado español baséase no transporte por estrada subvencionado, empezando pola gratuidade das autovías construídas polo Estado. Galicia tamén nisto é a excepción, xunto co tramo Bilbao-Zaragoza. Produción agraria e gandeira baséanse en maquinaria pesada movidas con enerxías fósiles (non renovables), contaminantes e moi subvencionadas, e un gando alimentado con pensos que veñen de América ou de Ucraína por mar e despois son transportados por estrada, igual que a produción agrogandeira resultante.

Na Península Ibérica, rodeada de mar, a navegación de cabotaxe que a circunvala é moito menos importante do que debera e do que historicamente foi. Unha das razóns é que Madrid non pode ser abastecido por mar e concentra non só poder, senón tamén moita poboación. Os camiños de ferro foron a solución contemporánea en todo o mundo para o transporte interior, pero nos últimos trinta anos unha España pensada dende a súa capital desenvolveu unha carísima rede de ferrocarril que só transporta persoas. Ninguén atendeu aos expertos que alertaron desta deformación. Preguntarse por que non se lles fixo caso leva a dous razoamentos. O primeiro é que os camiños de ferro non foron concibidos para achegar produtos senón para sacalos, foi así dende que se tenderon carrís para que as vagonetas sacaran carbón das galerías mineiras. O segundo que Madrid non ten mercadorías que sacar para ningures, só persoas, o que sumado á lóxica radial do transporte por estrada dende o século XVIII e á lóxica centralizada da decisión política conduciu á prioridade exclusiva dun AVE que transporta persoas e non mercadorías. Todas as liñas son Madrid-algures. As poucas transversais son de vía estreita e están case en desuso.

Estamos vendo rachar fráxiles equilibrios que mantiñan un sistema insostible, amosando un problema de infraestruturas de transporte que non se pode desatender.