Entre a realidade e a ficción

Pedro Puy
Pedro Puy PORTAVOZ DO PPDEG NO PARLAMENTO DE GALICIA

OPINIÓN

ALBERTO LÓPEZ

17 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

De verdade lle interesan as miñas historias?», pregúntalle unha personaxe ao escritor que, en busca da inspiración perdida, sae da súa casa para escribir a novela da primeira persoa que se cruce pola rúa. Nese xogo de espellos da última de Foenkinos, o novelista non ten dúbida: nunca deixou de sorprenderlle ata que punto os lectores dunha obra se atopan a si mesmos en calquera texto, mesmo na trama máis perturbadora.

Debeu ser no outono do 2005, pouco despois da toma de posesión do Goberno bipartito e pouco antes da elección de Núñez Feijoo como presidente do PP de Galicia. A Universidade de Vigo organizara unhas xornadas académicas sobre a reforma do Estatuto de Autonomía. No ambiente distendido propio do xantar, a conversa xiraba sobre o futuro dun partido, o Popular de Galicia, que a maioría dos presentes consideraba en fase terminal. Os prognósticos ían desde a súa segura fractura, porque as boinas non aturarían o mando dos birretes (ou viceversa); ata a súa redución electoral ao anecdótico, toda vez que os seus bos resultados anteriores traían causa exclusiva na personalidade irrepetible do presidente Fraga e no uso caciquil do poder autonómico. En certo momento, e dado que eu era o único académico (daquelas con dedicación exclusiva á universidade) presente que militaba no PP, alguén (Ramón Villares, se mal non recordo) requiriu a miña opinión. Estando, como estaba, en franca minoría e tratando de non reabrir debate, dixen que o que a inmensa maioría da militancia estaba agardando era ver como se decidía o proceso de elección do novo líder, para poñerse a traballar o seu carón na pronta recuperación dunha maioría parlamentaria sobre a sólida base dos 37 escanos cos que contaba. Efectivamente, o debate non se reabriu, e ninguén pareceu crerme (agás Villares, probablemente).

Nos últimos días, 17 anos despois daquelas, repítese a renovación do liderado no partido maioritario en Galicia. Todos os seus portavoces levan, levamos, desde o día en que se soubo que Feijoo asumía a compromiso de continuar servindo a Galicia e a España desde outra importante función institucional (liderando a oposición ao Goberno de España), coas palabras estabilidade, previsibilidade e responsabilidade na boca. A estabilidade que dan as institucións, tanto os mecanismos estatutarios democráticos do partido para a elección de líderes como os propios dunha democracia parlamentaria previstos no Estatuto de Autonomía e no regulamento do Parlamento de Galicia; á que se suma a estabilidade dunha ampla maioría parlamentaria. Previsibilidade en canto ás persoas, pois nada hai máis previsible que quen foi o seu excelente vicepresidente substitúa ao tamén excelente presidente que o nomeou; por non lembrar que xa o propio Feijoo fora o vicepresidente primeiro do presidente ao que relevou. E responsabilidade na procura da unidade: xa non con respecto á propia formación política como en 2006, senón, e con máis intensidade desde o Goberno, na garantía de darlle continuidade ás políticas que foron amplamente avaliadas nas últimas tres eleccións.

Diante desta situación, a oposición, ao igual que os lectores de Foenkinos, atópanse «perseguindo por todas partes os reflexos da súa propia intimidade»: uns, laiándose por unha sucesión previsible e ordeada cando están aínda pendentes da súa enésima confrontación en primarias para fixar o liderado; os outros, agoirando batallas campais e loitas abertas que rememoran esas particulares asembleas que habitualmente rematan en división. Ou sexa, proxectando a súa realidade nunha trama nada perturbadora.