Alegría, Macarena

Inma López Silva
inma lópez silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

Eduardo Parra | EUROPAPRESS

02 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Non valerá de nada a publicación das fotos da sorrinte candidata fascista á presidencia de Andalucía, Macarena Olona, ao pé da tamén fascista Marine Le Pen, quen, á súa vez, pagou caro o seu propio retrato con Putin. Claro que Francia non é España, xa quixeran os gabachos, que votan á lixeira ao tipo máis odiado para non poñer o país nas mans da máis perigosa. Nós si que votamos ben, co sentido común que nos precede, e por iso non atenderemos a avisos de progres que, desde a súa superioridade moral, rosman con iso da raigame franquista de Vox.

 A alacantina Olona é a xoia de Vox, e por iso a presentan por Granada, cidade á que lle debe moito desde hai tres anos, case unha vida. O seu compromiso andaluz vese na defensa do dereito dos traballadores sevillanos a currar 16 horas diarias, e dos agricultores a que só distribúan os seus produtos nas inmensas fronteiras da fértil e húmida Andalucía, contribuíndo así desde aquí a redondear o inigualábel programa de peche de fronteiras da ultradereita europea. Non por nada: é só que, igual que Piqué se preocupa polos dereitos das mulleres catarís poñendo baños nos estadios, Vox fomenta o consumo de hortalizas de proximidade. Macarena, sempre alegre, é ademais a gran valedora de nós, as novelistas, grazas á súa defensa sen fisuras do thriller: temos dereito a ser espiados polos nosos gobernos, e quen non teña nada que ocultar non lle importará ser espiado, dixo facendo súa a máxima da Stassi.

En fin, que Macarena, a candidata orgullosamente franquista a presidir a comunidade que máis mortos garda nas cunetas, a amiga de Le Pen e de Salvini, sumará os votos dun puñado de tuiteiros que repiten en bucle a palabra cojones rodeada de bandeiriñas españolas.

Un francés que me cambie de país?