Sabina

OPINIÓN

vetusta morla

13 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende hai máis de trinta anos vivo cunha persoa que ten un detector de seres non recomendables. Non precisa de grandes fonduras para adiviñar quen é de fiar e quen non. É infalible. Non adoita equivocarse. Foi dotada cunha intuición psicolóxica que non pasa desapercibida para quen ten trato con ela. Lembro que ao pouco de nos coñecermos, como ela sabía que eu tocaba a guitarra, pedírame que lle cantase algo e daquela tirei dese repertorio romántico que incluía a Silvio Rodríguez, Pablo Milanés, Luis Eduardo Aute ou mesmo Luís Emilio Batallán. Ademais, como nesa época estaba de moda Joaquín Sabina animeime coa súa Princesa forzando na miña voz un lustre cascado que pretendía emular o orixinal e foi aí cando ela interrompeu de raíz a miña interpretación para me confesar que había algo falso nese artista que non lle gustaba. Teño que recoñecer que Sabina tampouco era santo da miña devoción, pero eu era consciente do seu éxito e tamén lle apreciaba esas letras que oscilaban entre o macarra e o intelectual sen solución de continuidade. Dende aquela, sen eu ser persoa moi influenciable, afasteime del porque Sabina tiña para min algo de artista orgánico, de persoa que sempre estaba en todas as festas pontificando sobre touros, poesía ou política, cunha chulería castiza e anacrónica. Ninguén lle pode negar o seu poder de convocatoria e influencia, nin sequera a súa altura como músico, pero tamén é certo que tras a sentencia condenatoria contra el e a favor de Facenda, o seu prestixio como cidadán enlámase e non fai máis que ratificar o vello vaticinio da miña compañeira que, coma min, non pon en dúbida o seu talento, nin o seu egoísmo, senón todas as súas contradicións, que non son poucas.