«Panem et circenses»

Inma López Silva
inma lópez silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

20 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

En Catar e outros trece países, prohibiron a película infantil Lightyear porque nela sae un debuxo animado de dúas mulleres bicándose. Con razón, a parte minimamente racional deste planeta que só é bonito visto desde o espazo está escandalizada, aínda que iso non nos impide esperar, con inaudita persistencia, que ese país descargue rancierío cando se trata de soltar moita, moitísima pasta, para organizar o mundial de fútbol

Non sei se os mesmos que se escandalizan da inxenuidade deses países que censuran películas infantís para evitar o inevitábel, xa mercarían tele enorme e sofá novos para aportar o seu gran de area ao lavado de cara desas monarquías tan ostentosas coma sórdidas, e ver, en perfecto horario europeo, un partido de fútbol tras doutro.

En xeral, a xente conténtase con iso, escandalizarse coa suficiente antelación —non vaia ser que afecte ao Mundial— de que un neno catarí non poida ver debuxado na gran pantalla o que un neno galego ve a diario na porta da escola, onde, en fin, a preocupación é outra: igual á rapazada galega que vai ir ver Lightyear, en fin, lle parece unha parrada un simple biquiño sen lingua, eles que empezaron a ver porno duro con oito ou nove anos.

Pero iso queda para as feministas. Os outros, en xeral, debátense entre abonarse a quen emita o Mundial de Catar ou coller sitio no bar de sempre, para ver esas canchas con mulleres de atrezo, e unha chea de testosterona emitida en directo para esta parte do mundo cuxa capacidade de escándalo é directamente proporcional á súa individualista covardía.

O peor non é que neses catorce países se censure unha película infantil onde se bican as mulleres, senón que elas están censuradas da realidade.

Pero nós quedamos felices se nos dan fútbol a tutiplén.