Quen fala da prostitución?

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

Ricardo Rubio | EUROPAPRESS

08 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

É curioso que quen máis ten que dicir sobre a abolición da prostitución sexan aleccionadores varios, e puteiros. Velaí están, reivindicándose na tradición de pagar por algo que só algúns homes e ningunha muller consideran parecido ao amor, quizais porque resulta complicado asumir que, neste país onde ata antonte a iniciación sexual masculina se facía no puticlub, aquilo era unha forma pagada de agresión. Ou pode que sexa máis simple: é duro entender que cada suspiro no "polvo" daquela despedida de solteiro era mentira.

E nós, rodeadas, temos que aceptalos como amigos, parellas e compañeiros de traballo. Cear, quizais, cun puteiro despois de que asinase aquel negocio no bordel ou de que agasallase sexo a un amigo deprimido. Enriba, claman en público, por deus!, un pouco máis de puterío e un pouco menos de loucas pedindo a abolición, non sexa que deixe de haber señoras que se prostitúen porque lles peta. E si, haberá sempre mulleres que se prostitúan por vontade, coma se fose igual que apuntarse ao club de macramé. Pero, no fondo, todo o mundo sabe que non o farían se non campasen por aí ese costume de señoros consentidos.

É curioso, en fin, que quen máis teñen que dicir sobre a prostitución sexan usuarios que, por respecto, deberían calar, reflexionar e, sobre todo, aceptar que, se as afectadas din que a prostitución non mola tanto como cren, razóns de peso haberá. Porque en fin, neste caso, os que están máis guapos caladiños son os que se poñen tiquismiquis con nonseiqué dereitos masculinos e tradicións, para, así, acabar defendendo a prostitución coma calquera proxeneta de bar. Porque... se ser proxeneta é malo, quen dixo que tiña que estar ben ser puta?