A carta da fin do mundo

Víctor F. Freixanes
víctor f. freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

CONCELLO DE PONTEVEDRA

31 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Para nós foi sempre un lugar de misterio, Santa Clara de Pontevedra. Detrás dos enormes muros que daban ao vello campo da feira, os rapaces adiviñabamos un territorio distinto, universo autónomo e inaccesible no que habitaban as freiras: estrita clausura dende o século XIV ata onte, coma quen di. As dúas derradeiras monxas deixaron o convento no ano 2015, xa ben octoxenarias. 

Impresiona percorrer o edificio, 5.400 metros cadrados de obra, as celas baleiras, onde nalgún momento viviron cen ou duascentas internas, ademais das novicias, os armarios abertos e os mobles arrombados, coma quen acaba de marchar, o enorme coro para as celebracións relixiosas, a adega do viño coa fustalla case que intacta, 10.000 metros cadrados de horta, bosque e xardín no corazón da cidade...

Impresiona o edificio, digo, e impresiona imaxinar as dúas velliñas naquela soidade, arredadas do mundo a saber durante cantos anos, os invernos difíciles, a choiva a bater nas pedras centenarias, o silencio… Impresiona sobre todo o silencio.

Xosé Manuel Rei e Sonia Mateos, por parte do Museo Provincial, fixéronnos de anfitrións. Os arqueólogos escavan no vello claustro e van levantando os enterramentos das señoras.

Os esqueletos aparecen deitados cara arriba, coas mans pousadas no peito, e semellan durmidas.

Arredor de trinta persoas, entre arqueólogos, arquiveiros, historiadores e documentalistas, traballan arreo no que, antes de fin de ano, será unha memoria informativa para estimar as dimensións do patrimonio, que o concello da cidade adquiriu inicialmente por 3,2 millóns de euros e que necesariamente esixirá un ambicioso plan de rehabilitación e posta a disposición da cidadanía. Benzóns.

No altar principal da igrexa, na que xa non hai imaxes nin obxectos de culto, figuran os escudos nobiliarios das familias fundadoras: os Mariño de Lobeira, os Soutomaior, os Mendoza e os Montenegro. Vellas estirpes pontevedresas. O señorío das rías.

A primeira abadesa chamábase Leonor. Morreu en 1341 con sona de santa. A doazón do solar, no ano 1271, veu da man de Pedro Rodríguez de Tenorio e da súa dona, Tareixa Páez de Sotomaior, emparentados todos co poeta e Almirante do Mar, o noso trobador Pai Gómez Chariño.

Os muros, os pasos secretos cara ás galerías, as escaleiras, mesmo os engadidos de obra máis recentes, gardan o misterio (e o segredo) doutras presenzas.

Durante un tempo, diante do altar maior, custodiábanse as reliquias de san Vicente Mártir, e dicían as vellas do lugar, incluída a miña familia, que ao carón das reliquias as monxas gardaban tamén a carta onde o santo anunciaba o día e a hora exacta da Fin do Mundo.

Durante a Guerra Civil, coas atrocidades que aquí se cometeron, seica alguén propuxo abrir o cofre para saber o que o escrito dicía. Non o fixeron. Ou si, quen sabe?