Débedas públicas, pedradas persoais

Pedro Puy
Pedro Puy PORTAVOZ DO PPDEG NO PARLAMENTO DE GALICIA

OPINIÓN

BENITO ORDOÑEZ

23 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando Homer Simpson lle fai notar á súa filla Lisa que en Springfield non hai osos grazas a unha inútil e custosa patrulla anti-plantígrados, a nena colle unha pedra do chan, para atribuírlle a propiedade de escorrentar tigres. Obviamente, como polas rúas de Springfield non se ven tigres, Homer lle ofrece de inmediato unha boa presa de dólares para facerse con tan valiosa rocha. Lisa entende axiña que o seu pai persiste no sesgo cognitivo que o nobel Kahneman describe como «de conclusión» (considerar as probas de forma distorsionada), e resignadamente acepta os cartos a cambio da pedra.

A materia prima da ciencia económica é a información, que case sempre se recolle do mundo real de forma numérica. Por iso, mesmo antes de avaliar os resultados dunha acción pública, é imprescindible ser moi coidadoso coas cifras que o mundo real aporta. Por exemplo, con respecto ao endebedamento das administracións públicas autonómicas nos últimos anos. Os datos publicados polo Banco de España son perfectamente coñecidos. En decembro do 2008, antes do inicio da crise financeira, a débeda pública total das autonomías era de 74.000 millóns, o 6,7 % do PIB. A débeda de Galicia era de 3.900 millóns, o 6,8% do seu PIB, lixeiramente por riba da media. A caída brutal dos ingresos públicos nos anos seguintes conlevou que todas as administracións autonómicas recorreran ao endebedamento para soster os servizos públicos e o investimento. Así, en xuño deste mesmo ano, a débeda total das comunidades ascende a 316.000 millóns (o 24,9 % do PIB). É dicir: multiplicouse por 4,25. A de Galicia ascende a 11.800 millóns (o 17,7 % do seu PIB); ou sexa, e como dixo o presidente Sánchez o outro día no Senado, multiplicouse por 3. Estes son os datos.

Agora podemos tirar algunha dedución. A primeira é que obviamente Galicia se endebedou significativamente menos que a media das autonomías. De feito, e pese a que seguiu estritamente os obxectivos de débeda marcados polo Goberno de España, a esquerda adoitaba cualificar este prudente endebedamento como síntoma das políticas austericidas de Feijoo. A segunda é que, de terse endebedado como a media, a débeda galega sería significativamente maior da que é (uns 2.200 euros máis por habitante). A terceira, que debería ser máis relevante para un presidente do Goberno central, é que se todas as comunidades tiveran xestionado as súas contas como Galicia durante a crise, ningunha delas tería necesitado o auxilio do Estado para endebedarse, tras ser expulsadas dos mercados financeiros, e o conxunto de España debería 92.000 millóns menos do que debe hoxe. Moito máis dos 70.000 millóns do primeiro tramo da axuda europea dos fondos de recuperación.

O presidente do Goberno, como a oposición que en Galicia denuncia como exemplo de mala xestión que a Xunta multiplicara por tres o seu endebedamento, coñece perfectamente estas cifras. Sen embargo, repite o mantra da suposta mala praxe, distorsionando o que os datos nos din da realidade. Sexa tigre ou oso, a realidade desminte a presenza da besta da mala praxe polas rúas de Galicia. Pero tamén é mostra de onde sitúa o señor Sánchez o nivel do debate económico: distorsionado os datos para escorrentar a pedradas a ese outro moi real animal político que lidera agora a oposición.