As boas maneiras de Carlos Casares

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

03 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

En 1993, un Paco Rabal flanqueado pola infanta Cristina e a ministra Carmen Alborch recibiu a Medalla de Ouro da Academia do Cine, e dixo nun improvisado discurso: «Aquí, con Cristina a un lado, Anguita enfrente, Camacho por allí, monárquicos, comunistas, anárquicos, socialistas y de todo… No sé; como que me da mucho gusto veros cenar a todos juntos».

Parecía que só alguén a boa fe coma el podería xuntar xente de ideoloxías tan enfrontadas, pero o pasado 28 de novembro o Parlamento Galego celebrou un acto de homenaxe ao escritor Carlos Casares, ao se facer vinte anos do seu pasamento, no que participaron os exdeputados Pilar García Negro, Miguel Barros, Francisco Vázquez, Xosé Luis Barreiro e Mariano Rajoy, das distintas forzas políticas con representación parlamentaria e que coincidiran con el na primeira lexislatura. Carlos non foi un ser candoroso como Paco Rabal, que unha noite de copas levou á casa uns ladróns profesionais para que os fillos visen que tamén os marxinados poden ser bos; pero todos os oradores coincidiron en sinalar o seu carácter dialogante e a súa bonhomía.

Poderían engadir outro don: o encanto persoal. Dicía Simone de Beauvoir que encanto é o que teñen algúns ata que empezan a crelo; mais non sempre é así. Casares críao, pero non era crido e regalaba amabilidade e simpatía sen importarlle a condición, crenza e ideoloxía do interlocutor. Era un humorista, tan humorista como Castelao, Chéjov ou Bernard Shaw; e quen vive con ese sentido do humor non entende de fanatismos nin sectarismos. Por iso admiraba a obra da Pardo Bazán, Valle-Inclán e Julio Camba, malia o desdén que sentisen polo galeguismo; e entendía que todos somos nós e a nosa circunstancia, e ría ao recordar a explicación de Agustín de Foxá: «Soy aristócrata, soy conde, soy rico, soy embajador, soy gordo, y todavía me preguntan por qué soy de derechas. ¿Pues qué coño puedo ser?».

Casares anoxaba o soez e a violencia en calquera forma; por iso era ben falado e non gustaba da caricatura que ridiculiza. Home de boas maneiras en todo momento, pensaba que cumpría extremalas no exercicio da política, polo que celebrou o enxeño do president Tarradellas cando recibiu en audiencia o senador nacionalista mosén Xirinacs pero, ao velo entrar no despacho en mangas de camisa e pantalóns vaqueiros, saiulle ao paso e acompañouno á porta mentres lle dicía: «Xa vexo, mosén, que vai vostede de excursión ao campo. Vaia, vaia, e outro día falaremos do que vostede queira».

Con razón quixera Rajoy que Casares volvese ao Parlamento, con varios amigos coma el a poder ser.