Don Ramón a carón das lareiras

Víctor F. Freixanes
víctor f. freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

Santi M. Amil

18 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Nestas tardiñas de inverno na aldea, boa ocasión para visitar as páxinas de Otero Pedrayo, don Ramón, o noso príncipe das letras. Din algúns profesores que os alumnos teñen dificultades para ler ao señor de Trasalba, polo seu galego, polo léxico, polo universo que recrean os seus textos, tan distinto e tan distante do noso. 

Os profesores temos unha gran responsabilidade nestas cuestións da lectura e da literatura.

Certo que os tempos invitan ao consumo rápido de títulos pensados para a dixestión fácil. Pero cando os alumnos descobren Na noite estrelecida de Ramón Cabanillas, por exemplo, coa súa extraordinaria riqueza de referencias universais (boa parte da literatura e mesmo do cinema de Occidente está dentro dese texto), de seguro que non o esquecen nunca. Fican atrapados. Igual que con Merlín e familia de Cunqueiro, por poñer outro caso. Ou as historias de Ánxel Fole…

A arte do docente é guíalos e axudalos a descubrir esas marabillas, que os acompañarán durante toda a vida.

Desta vez parei en Otero Pedrayo, Contos de Santos e Nadal, que o autor presenta cunha cita popular: «Por Santos e Nadal, inverno coroal». Neste caso, o adxectivo coroal quere dicir bravo, duro, forte… Son nove relatos que nos transportan ao inverno da aldea galega ou da pequena vila, cun galego magnífico no ritmo, no léxico, na sintaxe e nas imaxes literarias, tan estimulante que a cada pouco dan gañas de parar e poñerse a aplaudir: «Nas cepas, o outono penduraba farrapos de púrpura…».

Invito ao lector a compartir a experiencia, sobre todo nestas datas, cando a luz esmorece contra as seis da tarde e a noite semella que sube mesmo dende as profundidades da terra.

Patricia Arias Chachero ten localizados máis dun cento de contos inéditos nas arcas da Fundación Penzol, onde está depositada toda a riqueza do autor. Un cento de relatos!

Despois da guerra, en parte por indicación dos seus amigos, Otero Pedrayo ordenou algúns destes textos breves en libros que clasificaba por estacións ou épocas do ano: Entre a vendima e a castañeira, Contos do camiño e da rúa, Contos de Santos e Nadal, que saíu despois do seu pasamento…

Outros quedaron no caixón (do autor e dos editores): Bocarribeira, que non debemos confundir co seu libro de poemas De san Lucas a san Xoán, centrado na cidade de Compostela…

Otero escribía sen descanso. Díxome nunha ocasión: «Escribo para non sentirme só». Escribía ou falaba.

Igual que o meu veciño, o señor Benigno, a quen moito boto en falta nestas mesmas invernías. Para eles o mundo construíase (e explicábase) con historias, faladas ou escritas, bastante antes de que se inventase a televisión.

Otero escribía sen parar: cartas, relatos, teatro, ensaios, novelas… Cando non o podía facer en galego, facíao en castelán.

No fondo de Domingo García Sabell, o seu grande amigo, hai moitos textos, e na Penzol, onde os gardaba Del Riego. Labor para filólogos, críticos e editores.