Un ano que foron tres

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

YURI KOCHETKOV | EFE

27 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Facer balance a final de ano ten un aquel de contabilidade humana que non me acaba de convencer. As sociedades son moito máis que mercado, pese ás aparencias e aos interesados empeños de que os valores de mercado dominen as nosas vidas.

Os centros comerciais foron deseñados para ser os espazos preferentes de paseo e gasto dos adolescentes. Non se trata de pasear ociosos polas rúas mirando escaparates de tendas pechadas, senón de ir mercar como forma de paseo. A rapazada adolescente vese menos nos bares, nas cafeterías, nos cines ou bailando que nas tendas das cadeas de moda. Tamén se atopan no botellón, coherente coas lóxicas máis eficientes do mercado: é a opción máis barata e sen adultos que osmen.

Os escolares, as carreiras universitarias ou os periplos formativos son deseñados para «responder ás necesidades do mercado». Usar esa frase en calquera texto aforra pensar e argumentar. O mercado pasa así de man invisible a Leviatán todopoderoso, por riba das lóxicas do coñecemento ou a ciencia independentes, da exploración tecnolóxica ou da cultura como ben social. Nada de ecosistemas creativos, o mercado xa sabe.

Deixémonos de balances contables para intentar esculcar, no ano que pasa, algúns indicios de por onde vai o mundo e por onde imos nós. En realidade non remata un ano, senón os tres da pandemia que arrincou a finais do 2019. Neste tempo o mundo se fixo máis inseguro porque o medo se fixo máis forte; e con el os seus mercaderes, os que negocian coa inseguridade ou a aproveitan ou a provocan, de Putin a Trump, pasando polos negociantes da enerxía e os da saúde; no cumio as estrelas deste tempo, os novos negociantes amorais do ciberleviatán de Silicon Valley.

O mundo revolto destes tempos —que dirían os vellos— tamén é moi revelador. Non é doado interpretar os indicios, pero podería dicirse que estamos nun punto de inflexión no plano ambiental e tamén no ideolóxico. Se superamos esa tópica e torpe frase, «isto chegou para quedarse», seguramente poderemos identificar que a toma de conciencia ecolóxica e, sobre todo, a concreción económica e política das prioridades ambientais deu un salto de xigante nestes tres anos, un brinco máis transcendente do que o teletraballo ou a IA.

Tamén nestes tempos, os liberais de dereitas do mundo empezaron a descubrir que non poden seguir a emparentarse cos neoliberais fundamentalistas dun mercado que non ten rostro humano nin moral. Tardaron corenta anos, pero Trump e China axudáronlles moito a decatarse, sobre todo en América. Aquí a carón, Putin e a extrema dereita de sempre, namorada agora dunha liberdade que nunca antes quixeran, axudaron a abrir algúns ollos lagañosos da dereita europea. En España as dereitas aínda están na pantalla anterior pero se len algo máis ou ollan ao mundo, ao mellor reparan por onde vai o liberalismo democrático. Aquí, a dereita, dende o comezo da primeira Restauración borbónica, sempre tivo o defecto de chegar tarde ou a destempo.