A SGAE fronte á IA

Xavier Alcalá
xavier alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

09 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Ano novo, asunto vello: o da intelixencia artificial, o seu control, as regras éticas..., mesmo o recurso granadino contra a solución galega para situar a axencia española ao respecto. España está viva. Se algo a define é o triángulo Santiago, Toledo, Granada. 

Tan viva está que pelexamos polo progreso nun novo eido do coñecemento. Mergullamos na quimera dun mundo de humanos servidos polas máquinas, sen máis preocupación que a de guiármolas con xeito. E, segundo gobernamos máquinas lóxicas e programas a correr nelas, aparecen posibilidades curiosas ao respecto da literatura, a música, a plástica... Abonda con entregar á máquina os datos de partida e deixala traballar á velocidade que permiten os superordenadores. Logo dun pedaciño poden aparecer unha novela negra pronta para ser asinada, un magnífico himno á alegría universal ou un retrato picassiano.

Estamos a brincar cunha hipótese? Non, xa hai empresas que ofrecen o servizo: «Dáme a idea e douche o produto», por uns cartos pagables. Antes a electrónica axudaba aos creadores, facilitáballes o traballo, non llelo facía; mais hoxe pode facérllelo e xorde unha cuestión: fronte á intervención da IA, que vai facer a SGAE? Tratar o doador de seme intelectual á máquina creadora como trata o autor-traballador? Cousas veremos no 2023.