O sorriso de Yolanda

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

Víctor Lerena | EFE

10 abr 2023 . Actualizado a las 20:20 h.

Só existe alguén comparábel a Yolanda Díaz, e é un personaxe de ficción. Quen vise Borgen, a serie danesa de intriga política, recoñecerá a Díaz en Birgitte Nyborg, unha presidenta de Dinamarca que non apea o sorriso mentres lida coas crises máis estresantes dos corredores parlamentares. Cada unha á súa maneira, cóntannos que pasear polas ringleiras dos partidos implica saber mellor que Shakespeare que, sendo como son a fonte primixenia de todo veleno, sorrir é cousa de nenas, de merlos brancos, de flores dun día, porque os políticos verdadeiros, os das cousas de maiores, de homes, importantes, son sempre señores serios que só sorrín se é para seren sarcásticos, e nunca choran. Xogo o dedo de manter maiúsculas a que falta pouco para vermos chorar a Yolanda Díaz. E mesmo nese momento, o sorriso perenne de Yolanda figurará.

Sabendo que paga esa fea peaxe das mulleres na política —perder o apelido—, ela conseguiu o mesmo tipo de nome propio da presidenta de Borgen, serie que non deixo de evocar segundo lle vou lendo discursos e entrevistas, ou observo a súa forma de aparecer en escena: a política que remata en «a» que, como aquí Ana Pontón, sacou do armario un xeito novo que vai alén dos símbolos. Será que á fin logramos canalizar sen escravizarnos a afouteza das mulleres galegas, esa que tan ben retrata en Matria o director Álvaro Gago, a que comeza no tirar-para-adiante e remata no sorriso e no humor? Era este o noso Designio? Dicíannos que ghobernichabamos pero, nesta dura terra atlántica, gardabamos o segredo do poder con ovarios.

Yolanda Díaz, gañe, perda, fique ou marche, xa exportou algo que veu para quedar: mudou os feos modos da política en España, que respiraban aínda polos bronquios de puro, touros e querida de meublé do franquismo.