Non entenden o que len

Marina Mayoral
marina mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

12 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos países nórdicos, tan preocupados sempre polos temas de educación, quedáronse arrepiados ao comprobar que unha porcentaxe elevadísima de alumnos carecen de comprensión lectora, o que significa que son incapaces de entender un texto escrito. E atribuírono ao uso excesivo das pantallas por parte dos adolescentes. É un tema grave, e non pensen que afecta só aos estudantes de letras. 

O alumno que hoxe non ten compresión lectora pode ser mañá un profesional que, por exemplo, ten que preguntar a outra persoa se a notificación que recibiu é unha simple recomendación ou a advertencia de que debe facer algo so pena de ser multado.

A carencia de comprensión lectora afecta á vida cotiá de calquera persoa, de calquera clase social, aínda que, como sempre, o problema é maior nas menos adiñeiradas.

É posible que as pantallas agudizasen o problema, pero a causa a min paréceme que é outra. Aos nenos, desde pequenos, non se os afai a pensar. A familia cómpralles contos de papel moi bonitos que lles proporcionan, a base de fermosos debuxos, ou sexa, de imaxes, unha información mastigada e dixerida. Non teñen que pensar, bástalles mirar, o que non supón ningún esforzo. E cando se enfrontan a un texto sen imaxes, sen ese apoio do debuxo, non o entenden.

Eu decateime deste tema cando profesores de instituto que foran alumnos meus na universidade mo comentaron, hai uns vinte anos. Era xa un problema nacional, pero non se buscaron solucións, que eu saiba.

Agora que os nórdicos están a sufrilo, veremos que propoñen. Eu contareilles outro día cal foi a miña experiencia de nena nisto de entender un texto sen imaxes.