Discursos civilizados

Pedro Puy PORTAVOZ DEL PPDEG EN EL PARLAMENTO DE GALICIA

OPINIÓN

María Pedreda

18 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O dito de que o Premio Nobel de Economía é o único que pode obterse por dúas persoas que pensan exactamente o contrario fixo fortuna pouco despois de que a Academia das Ciencias sueca comezara a outorgar o Premio de Ciencias Económicas en honra de Alfred Nobel. A iso contribuíu o feito de que, entre os primeiros galardoados, figurasen Paul Samuelson (1970) e Milton Friedman (1976), representantes das correntes progresista e liberal-conservadora na academia norteamericana do tempo.

Simplificar as aportacións destes dous xigantes do pensamento económico é inxusto e difícil, pero pódese afirmar que Samuelson, a través do seu mítico manual, contribuíu decisivamente a converter a síntese neoclásico-keynesiana no núcleo duro da ciencia económica tras a Segunda Guerra Mundial; e Friedman, coa fundamental colaboración da súa muller Rose (tamén economista e irmá doutro grande, Aaron Director), foron os máis destacados publicistas das virtudes dos mercados libres nos 70 e 80, como testemuña que o seu libro Liberdade para elixir fose un best-seller internacional, con versión televisiva. Durante anos, ambos representaron dalgún xeito as disputas entre a visión da economía próxima a socialdemocracia e a liberal; a rivalidade entre Harvard e Chicago; e a competencia entre demócratas e republicanos. A súa pegada pervive entre nós, lembrándonos que tanto mercados como sectores públicos teñen vantaxes e inconvenientes, e que do que se trata, como en toda actividade científica, é de ir avanzando no coñecemento conforme evolúe a realidade, en permanente proceso de proba e erro.

Hai dúas pasaxes pouco coñecidas desta confrontación académica que dan conta da relatividade dos clixés. Friedman é o pai da idea do imposto negativo sobre a renda, consistente en suprimir a miríade de axudas sociais tradicionais por unha única aportación ás familias que o precisen por non ter ingresos. A idea foi apoiada con entusiasmo por Samuelson, e é base do que hoxe chamamos renda básica universal, aparente bandeira progresista. Samuelson, pese a ser un defensor do libre comercio internacional e os beneficios da globalización, era partidario de poñerlle límites, particularmente en relación cos Estados Unidos, e defendía a aprobación de aranceis selectivos para protexer os mercados nacionais. A idea central coa que, tempo despois, Trump gañou as eleccións e renegociou os acordos comerciais dos Estados Unidos.

Rose Friedman faleceu en 2009, uns meses antes que Paul Samuelson, quen, plenamente lúcido aos seus 94 anos, escribíulle ao fillo dos Friedman, David, un dos máis destacados intelectuais do movemento anarcocapitalista de mercado norteamericano, unha carta de pésame na que afirmaba: «Durante dous terzos de século, a pesares das diferenzas dos nosos xuízos de valor, fomos capaces de manter un discurso civilizado. Creo que iso foi un tributo para ambos». Agora que o péndulo da historia económica, movido novamente por guerras e crises financeiras, pendura cara ao intervencionismo coma nos anos 30 do século pasado; e o da política cara ao nacionalismo e o proteccionismo e moitos se atreven, de novo, a dar por mortos aos mercados, non sobra lembrar que ambos os dous, gobernos e mercados, teñen grandes defectos e grandes virtudes, e que do que se trata, precisamente, é de saber coller o mellor de cada un deles, adaptándoos ás necesidades sociais do momento. Só fai falla unha cousa: discursos civilizados.