Caer do burro

OPINIÓN

TERESA SUAREZ | EFE

04 jul 2023 . Actualizado a las 16:19 h.

Todos os días adoita haber algunha noticia de estafa que nos resulta difícil de crer porque o ser humano gusta de practicar esa arte de engano e suplantación. A internet facilitou as cousas para que nas súas redes caian non só as persoas incautas senón tamén as que se lle supón certa listeza e preparación. Hai algunhas estafas que agachan estruturas e orixinalidades que fan obsoletas e ridículas as vellas estafas de herdanzas inesperadas, falsos empregos e chamadas de delincuentes que se fan pasar por representantes das institucións financeiras, organismos gobernamentais ou compañías de servizos públicos. A realidade destas redes é que ignoran os corpos, calquera presenza física. E aí está a súa impunidade. Todo ese xogo ansioso no que se empregan técnicas de fascinación acontece no aire. E, si, é certo que estamos avisados de que hai que desconfiar, sobre todo, se alguén nos quere tocar o peto ou nos pide algún contrasinal, que temos que estar alerta, protexer a información persoal e financeira, e ser cautelosos cando interactuamos con descoñecidos que nos piden datos sensibles. Si, si, pero, cando nos tocan o desexo, avanza a esperanza e é doado caer na impostura. Por iso, comprendo ben a debilidade desa muller andaluza que creu que o mesmo Brad Pitt quería casar con ela e facela partícipe dunha película que ían rodar en terras andaluzas. O engano levou o seu tempo, talvez imitando algún guión cinematográfico, e a muller viu como o seu amor a instaba a facer ingresos cunha alegría despreocupada. Podo entendelo. O que máis me estraña é que a coitada non lle contase antes a súa historia de amor a algunha amiga que a puidese caer do burro. Se cadra, o problema dela, coma o de moita xente estafada, estea na propia soidade.