Michael Jackson en Sanxenxo

María López Sández
María López Sández ACADÉMICA ELECTA DA REAL ACADEMIA GALEGA. ESCRITORA

OPINIÓN

emilio moldes

09 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

No ano 1998, no marco dunha actividade académica, coñecín a Dimitar, un profesor búlgaro da universidade de Sofía. De contado quixo que todo o mundo lle chamase Jimmy. Uns días despois, cando collemos un pouco de confianza, espetoume que non me pegaba nada María. Polo visto, tratábase dun «nome de criada» e ese era un argumento de peso para renunciar a el. A teima seica lle viña dos Estados Unidos, país que admiraba e onde probablemente coñecera servizo doméstico de orixe hispana. A min, aquel profesor búlgaro lembroume a Michael Jackson: un dos rostros que me vén ao maxín cando penso no terrible e tortuoso concepto de autoodio.

Creo que cada persoa debe ter dereito a determinar o seu nome, porque este está fondamente ligado á identidade. Como docente, sempre puxen coidado en respectar o xeito en que cada alumno ou alumna quería ser chamado, mesmo se se trataba dun hipocorístico. No caso dos nomes estranxeiros, preocúpome de preguntar pola sonoridade (e descubrín, por exemplo, que Mohamed non se pronuncia como aquí adoitamos facelo). Mais os topónimos teñen unha dimensión colectiva; posúen a mesma carga de identidade que os antropónimos, pero están intimamente ligados á colectividade que habitou eses espazos e os foi modelando coas súas prácticas culturais e esculpindo na súa lingua. Por iso non me cabe dúbida ningunha de que a única opción aceptable para os nomes dos lugares é o respecto da forma xenuína no idioma propio, como de feito recoñece a propia lei para a salvagarda do patrimonio cultural inmaterial. Os galegos temos dúas linguas ambientais, mais só unha delas é a nosa lingua propia, a que modelou o pobo galego sobre este territorio que terma de nós; a que, por constituír parte esencial do noso patrimonio, non podemos deixar esmorecer e desaparecer para sempre e, mesmo desde a perspectiva de quen se achega dende fóra, ir ao encontro do outro implica querer coñecelo na súa autenticidade. Coñecermos outras culturas para que nos chanten diante un espello que reflicta o noso propio rostro non ten nada de interesante, ninguén viaxa para que lle amosen unha máscara.

Inauguramos o curso de galego para estranxeiros que organiza cada ano a Real Academia Galega. Xentes de todo o mundo, desde o Brasil a Rusia pasando por Polonia ou India, veñen pasar tres semanas aquí, na nosa terra, movidos polo desexo de aprenderen máis da nosa lingua e a nosa cultura. Imaxinen o que sería recibilos cun letreiro que puxese Bienvenidos a Nada, antes chamada Galicia.