Política e xornalismo

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

siro

15 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A véspera do primeiro debate recibín por wasap un vídeo no que se responsabiliza a Feijoo de todas as falcatrúas do PP nos últimos trinta anos, porque «el xa andaba por aló». Era demagoxia basta e torpe. Un noxo. Pero no debate Feijoo responsabilizou a Pedro Sánchez da quebra de Caja Madrid, porque, como edil do concello, «tamén andaba por aló»; acusación tan falsa como as do vídeo contra el, pero, xa posto, lanzouse e enrestrou trola con trola como quen enrestra allos ou cebolas. Naturalmente, aínda que son verificábeis nas hemerotecas, medios e analistas de dereitas non percibiron ningunha e, pola contra, na intervención de Sánchez descubriron unha chea. A crónica política aseméllase máis cada día á de fútbol, na que o xornalista afín a un equipo ve penaltis como catedrais onde o afín ao equipo contrario ve piscinazos un metro fóra da área.

Que os políticos mintan xa non sorprende a ninguén. Unha enquisa da Unión Europea, no 2021, dicía que o 90 % dos españois desconfía dos partidos políticos. O grave, o preocupante, é que máis do 50 % tampouco confía nos xornalistas. En 1985, cando eu deixei a construción naval polo xornalismo, cheguei a unha profesión altamente cualificada socialmente, sobre todo despois do 23-F. No 2022, El Economista informou de que o xornalismo non aparece entre as dez profesións máis respectadas en España e que os xornalistas só estamos diante dos influencers, as estrelas dos reality shows e os políticos. Non son o mesmo o columnista?calumnista e o columnista chosco, que só ve por un ollo, claro que non; pero entre todos creamos unha situación tan grave que no Día Mundial da Liberdade de Prensa do 2023, o avogado e politico Miquel Roca Junyent instou a xuristas e xornalistas «a consensuar una definición de veracidad».

Ignoro se os debates alterarán a opinión que os españois temos dos candidatos á presidencia do Goberno, pero días antes —dicíao Sondaxe, non o CIS de Tezanos—, o máis valorado era Pedro Sánchez, seguido por Yolanda Díaz, Feijoo e Abascal, nesa orde. E non me parece mérito cativo o de Sánchez despois de aturar catro anos o acoso de columnistas?calumnistas e columnistas choscos do ollo esquerdo. Un exemplo: cando o presidente falou de medios que menten e intoxican, a dereita botóuselle enriba e acusouno de querer coartar as liberdades de expresión e de información. Vox ten unha lista negra de medios aos que nega o acceso a actos e roldas de prensa, e leva a xornalistas aos tribunais de xustiza. Cantos dos xornalistas que lle foron ao lombo a Pedro Sánchez se solidarizaron cos colegas denunciados e afearon o proceder de Vox? Ningún.