Shakira, Shrek, que show!

Inma López Silva
INMA LÓPEZ SILVA CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

Emilio Moldes

28 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Cada vez que Hablamos Español contrata un valado para a súa campaña de toponimia fake, morre un filólogo. É obvio que a eles lles importa pouco o exterminio da filoloxía e da corrección (tamén lingüística), pero as superviventes aprendemos algo esencial dos científicos que loitan contra o terraplanismo: salvar un ignorante implica salvar a humanidade.

 

 

Como queda feo alardear, deixo o das leccións para a RAG, e eu quedo coa literatura. Pois, que personaxes, que marabilla argumental é esa teimosía en pagar a pasta que custa un valado en período preelectoral para enchelo de estupideces. A non ser, claro, que esa mensaxe coincida —quen sabe!— coa de Vox, partido cuxo nome indica unha clara paixón pola lexicografía. Que nivelón de antiheroes, que fantasía, todos eses señores da xeración que pronunciou Schreck nos cines e bailan ao ritmo das coxas de Shakira, vanagloriándose de másteres en universidades anglosaxonas (Llorxtaun, quizais?), mais patoloxicamente incapaces de dicir en Sanxenxo! Ou Xosé. Ou Xunta! (Isto último debéullelo perdoar alguén).

En fin, unha é o que é e non me resisto á lección antiterraplanismo: Sanxenxo, como moito, sería en castelán, San Ginés, non amolen teimando na retórica que inventou Franco. Pero oian, levaba tempo sen estar Twitter tan divertido. Polo menos adobíanme a agonía de filóloga con traducións antolóxicas: Ordeñaba, Excavadoras del Monarca, Desván de los Monjes.

En Santiso, o concello dos meus ancestros falanxistas, hai un lugar marabilloso: O Sexo. Como apareza aí un valado dicindo que se di doutra maneira, e con “j”, non respondo