Rubiales, fábrica de vergoña allea

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

EFE | EFE

29 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Salve ás futbolistas librándonos do machismo cavernícola. Pouco queda por dicir sobre o asunto Rubiales, pero, visto o visto, aínda queda moito por facer para acabar co machismo como forma de poder. Moito máis do que podíamos imaxinar a semana pasada. Pasamos estes días de asombro a espanto medindo o machismo que aínda nos habita. Sábeno ben as mulleres. Xa non é o visible machismo puteiro de hai trinta anos, o de Jesús Gil posando no yacusi, pero o comportamento que vemos ven da mesma fornada e dáse no mesmo medio.

Estamos a vivir outro momento revolucionario na loita das mulleres, e con elas da sociedade, contra o machismo. Os psicólogos explican o fenómeno como o resultado da suma de todos os padecementos individuais das mulleres amosándose á vez e de forma masiva. O que lle acaba de pasar a Jenni Hermoso, e cómo, fixo presente en milleiros de mulleres de todo o mundo a súa propia experiencia. O foco non podía ser máis potente para darlle visibilidade planetaria: un campionato do mundo de fútbol. Estes días non se falaba doutra cousa. Nun restaurante de Portugal, na mesa do lado, unha muller calquera enfadábase porque o home aceptaba as explicacións do Rubiales: «Non se pode andar por aí bicando sen permiso, e cambiemos de tema que non cho aturo».

Con ollos de historiador, é un acontecemento revolucionario, un deses momentos históricos nos que se aprecia ben a diferenza entre a conciencia social adquirida por unha parte importante da sociedade e a falta de conciencia de determinadas elites. Derríbase o poder dunha elite, incapaz de adaptarse ás mudanzas e de reaccionar fronte a elas, a través dunha mobilización sostida que aspira a mellorar aínda máis, e definitivamente, a posición subordinada dun grupo social. A pauta é propia do mundo contemporáneo, hoxe son todas as mulleres, antes, segundo onde e cando, foron traballadores manuais ou labregos, minorías raciais ou relixiosas ou as clases medias e burguesas situadas fora do poder.

O que acabamos de comprobar é que ese machismo que tanta forza aínda ten, e tantas posicións de privilexio domina, nada ten que ver coa maioría da sociedade actual. Non é unha opinión é unha feliz constatación. O consenso contra o machismo é social e abrangue, ademais de a case todas as mulleres, á maioría dos homes, pero tamén é político. BNG, PP, PSOE, Sumar, con escasos matices, tiveron a mesma posición e, dende o primeiro momento, dixeron o mesmo neste asunto. Unha significativa e feliz constatación. É para facer notar tamén quen aínda non dixo ren, e non falo dos futbolistas e a xente do fútbol, certamente o Rubiales e os seus palmeiros representaron a cara máis cavernícola dos homes machistas que tan ben representan a diario os voceiros neofalanxistas que enchen a boca con críticas ao «falso feminismo», ás ministras todas e ás leis que aseguran o avance dos dereitos das mulleres e que limitan o poder social machismo.

Gardar as aparencias é máis doado que renunciar ao machismo adquirido e ao poder que garante. Hai partido e gañan as mulleres da selección.