Pinganillo

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

Alberto Ortega | EUROPAPRESS

09 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Pareceume fermosísimo que a condición para a composición da Mesa do Parlamento, en lugar de fraguarse mediante mundanidades, se basease en algo tan simbólico coma a lingua. O xesto foi poeticamente axustizador, pois o Congreso que saíu da Transición herdou do franquismo a definición deste país coma un bloque de formigón lingüístico. O Parlamento —lugar para falar— lembraba co seu regulamento que o paso de todos seguía marcado por unha parte de España que falaba vingativamente, tras un regueiro de silencios simbolizados na prohibición de facto de tres linguas.

Pero os lingüistas de sobremesa, afeccionados tamén á arte da falacia, compareceron axiña cun siloxismo da perra chica: se as linguas son instrumentos de comunicación, os congresistas só se entenderán se usan o español. Como a parvada caeu por si soa, materializada no peso do oficio da interpretación desde a Escola de Tradutores de Toledo do século XIV, axiña pasaron á cuestión económica: ai, que caro ter que pagar por iso! Daquela por que lle pagamos a alguén que pase o aspirador ás alfombras do Congreso podendo facelo por quendas todos os deputados? En que se diferenza a aspiradora da tradución? Ah, é cuestión de clase, perdón.

E, finalmente, recorreron ao pinganillo. O problema xa non é crear uns postiños de traballo para a tradución simultánea, senón ter que poñer uns cascos. Problemón. Leva a ONU desde a súa fundación en 1945 agardando a que España cree xurisprudencia para esixir o B2 de inglés pola Escola de Idiomas para falar ante o Consello Xeral, e o C1 (obviamente) para formar parte do Consello de Seguridade.

Como filóloga, a verdade, conformábame con que os deputados falasen un pouco ben. Pero visto isto, confórmome con que calen se só van usar a lingua para molestar.