No Día Internacional da Tradución

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

MARCOS MÍGUEZ

01 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos primeiros anos 70, a profesora Carmen Boves falábanos na facultade de Letras do lingüista Noam Chomsky e da súa gramática xenerativa, que para moitos é un dos alicerces do que hoxe entendemos como tradución automática: as máquinas de traducir. Entre nós temos a fortuna de contar con especialistas internacionalmente recoñecidos como Guillermo Rojo, antigo alumno daquela facultade, hoxe catedrático emérito. A idea chomsquiana de descubrir a alma secreta das linguas para poñer as bases dun proceso de intelixencia artificial que permitise a tradución automática de idiomas de moi distinta procedencia parecíanos fascinante. Cousa de meigas. Poesía pura.

E velaí está. Nestes momentos contamos con catro ou cinco programas que permiten traducir o galego desta maneira: galego-castelán e castelán-galego ou portugués, parcialmente tamén ao inglés, catalán e francés, nalgúns casos mesmo incluíndo recoñecementos de voz. Son traballos en constante proceso de mellora, mais con resultados que son operativos e moi útiles, sobre todo en textos de carácter informativo ou funcional (non literarios). O proxecto Nós, dirixido ao aproveitamento de recursos para o desenvolvemento de aplicacións baseadas na intelixencia artificial e nas tecnoloxías da linguaxe, avanza tamén nesta dirección.

Onte celebrouse o Día Internacional da Tradución. Hai poucos días recibimos na Real Academia Galega a Kathleen March como académica de honra. Unha das ideas forza do seu discurso de ingreso foi precisamente a necesidade de avivar traballos que abran a creación en galego (poesía, narrativa, ensaio, teatro, investigación) a outras linguas e outras culturas. Vivir encerrados en nós é suicida e as novas tecnoloxías, que avanzan aceleradamente, abren un horizonte insospeitado hai poucos anos. Entre as linguas todas do planeta (arredor de sete mil) o galego ocupa o posto 146; non tanto polo número de falantes como pola súa capacidade de creación, expresión e comunicación no ámbito do primeiro mundo, que é onde estamos, e mais pola capacidade para estar presente nas plataformas da industria da cultura (cinema, teatro, edición literaria e dixital, música, etcétera), ademais de nas plataformas do comercio e do turismo (o Camiño de Santiago), que tamén son cultura.

Xogar ben estas bazas, aproveitando os recursos de que dispoñemos, é fundamental; para o que cómpre unha política ambiciosa, de carácter estratéxico e integrador, con recursos e obxectivos ben marcados, e con referentes que nos animen a seguir, sobre todo pensando nas novas xeracións. Un destes referentes acaba de recibir o Premio Nacional de Poesía, Iolanda Castaño, embaixadora de nós en moitos proxectos de intercambio cultural alén das nosas fronteiras. As máquinas son importantes, mais a creatividade e o pulo das persoas son fundamentais. Parabéns.