O gasto dos pinganillos

OPINIÓN

Carlos Luján | EUROPAPRESS

03 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A posibilidade de falar galego, catalán e vasco no Congreso é loable, pois axuda a amosar España como estado multicultural. Doutra banda, está o gasto na tradución simultánea, aínda limitado, pois non se fai para os catro idiomas, o cal requiriría 4 ? (4 - 1) / 2 = 6 intérpretes como mínimo, en quendas de 30 minutos. Ou sexa, minimamente doce intérpretes para se substituíren á rolda na tarefa. Como só se interpreta ao castelán, precísanse apenas tres intérpretes con tres substitutos.

 Entre enxeñeiros de telecomunicación anda un ruxe-ruxe que seica non dan detectado os lexisladores: os pinganillos son os auriculares con fíos das petacas, e estas son receptores multicanle (para varios idiomas) custosísimos (entre 100 e 300 euros por unidade).

Para que usar ese sistema se os deputados teñen cadanseu teléfono móbil e máis unha taboíña que poden utilizar con auriculares sen fíos? A telemática conta con solucións de transmisión punto (fonte de voz única, en castelán) a multipunto (oídos das súas señorías) para todo tipo de transceptores intelixentes. Sen gastar máis que en tres inevitables cabinas de interpretación, insonorizadas e climatizadas, e pouco máis en aparellaxe electrónica, evitaríase moito gasto, aínda aumentable se a expresión multilingüe for espallada tamén ás salas de comisión.