A ONU

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

DPA vía Europa Press | EUROPAPRESS

02 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O secretario xeral da ONU, António Guterres, fixo arder Troia cunha declaración publicada na súa conta de X: «As ofensas ao pobo palestino non poden xustificar os horríbeis atentados de Hamas. E eses horríbeis atentados non poden xustificar o castigo colectivo ao pobo palestino».

Houbo un tempo en que unha declaración así non sería controvertida, pois, na súa sinxeleza, constata un par de obviedades que corren o perigo de se esquecer na maraña de innegábeis complexidades do conflito. Primeira, a ONU —que aprobou en 1948 a Convención para a Prevención e a Sanción do Delito de Xenocidio— detecta xenocidio e por iso se refire a Palestina como «pobo». Segundo, a ONU cualifica a Hamas como terrorista ao responsabilizalo dos atentados contra Israel. E cómpre lembrar algo que se lembra pouco: Guterres foi o impulsor dunha Estratexia Global contra o Terrorismo pola que en 2017 se creou a Oficina da ONU contra o Terrorismo, así que non é un desinformado. Houbo un tempo, por iso, en que unha declaración da máxima autoridade mundial en materia de conciliación abría un espazo para negociar.

Mais xa non é así. Aprendemos a ver a ONU coma incapaz de garantir practicamente nada daquilo para o que naceu. Na nosa memoria está o seu fracaso nos conflitos de Bosnia e Ruanda, por non falar da súa inoperancia recente, non só en Ucrania, senón en Yemen, Siria, Etiopía ou Haití. Claro que hai un mínimo espazo para recuperar o seu poder simbólico, ou non estariamos escandalizándonos polo castigo de Israel á ONU tras esta declaración. O secretario xeral di exactamente o que di, e non espera que guste, pois é —que cousas!— o que pensamos quen só opinamos desde un certo sentido común máis ou menos imparcial, coma a ONU. Pero xa non está de moda o sentido común.