Gaza sen móbiles

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

DPA vía Europa Press | EUROPAPRESS

10 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Por que en Gaza non funcionan os «móbiles»? Hai dous tipos de redes de telecomunicación celulares, as terrestres e as espaciais, mais en ambos casos as súas antenas teñen que «ver» os dispositivos móbiles. Nas terrestres estes entran doadamente nas células de cobertura. Nas espaciais cómpre procurar zonas sen obstáculos na liña de comunicación cos satélites. Os teléfonos para as redes terrestres son intelixentes e con alta capacidade de transmisión e recepción. Os satelitais teñen pouca intelixencia e capacidades ridículas, custan como os intelixentes de gama alta e o seu uso é moi caro. Ora, permiten unha comunicación aberta cara ao ceo, sen fronteiras.

En Gaza son raros os teléfonos de comunicación satelital polo mesmo que o son —salvo para servizos especiais— alá onde o sistema terrestre funciona. Mais este colapsou en Gaza porque está castigada sen enerxía eléctrica nin gasóleo para xerala. Faltos de alimentación eléctrica os equipamentos de telecomunicación non funcionan. Certamente hai estacións base de radio alimentadas con células solares, mais estas perden potencia pola poeira e o cascallo que levantan as bombas.

É sinxelo para Israel cortar a conexión das redes interiores de Gaza por cabo ou radio: cousa de premer botóns.