Nómades dixitais

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

13 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Os nómades dixitais apareceron xa hai anos segundo as redes de telecomunicación o permitían e convertéronse nunha realidade social de peso por forza do covid. Son xente que abandonaba as aglomeracións urbanas e trasladábase a lugares onde a vida lles era máis agradable, mudando de pousada se lles cadraba, mais sempre ben conectados. Este movemento continúa, xa con tendencia ao asentamento en zonas rurais ou mariñeiras: son os novos poboadores dos lugares abandonados. Galicia é un caso claro no fenómeno, que vai aumentar coa mudanza do clima que a converte en «Galifornia». Galegos da «diáspora intelectual» retornan á aldea, e nela aparecen foráneos co mesmo estilo de vida.

Raro é o recanto do país onde unha casa non teña servizo eléctrico, a onde non chegue un cabo de enerxía desde unha liña de postes. Por tanto non faltan apoios para outro tipo de cabo, o de fibra óptica, que non se ve afectada no seu funcionamento pola corrente eléctrica: os impulsos de luz flúen sen interferencia de campos eléctricos e magnéticos. Recentemente Tucho Calvo laiábase nesta sección de La Voz de Galicia da falta de servizo telemático dabondo no seu lar rural. Ogallá a súa queixa chegara a onde lle cumpra na Administración, pois solución tecnolóxica haina grazas a un fío de vidro tan fino coma un cabelo humano.