Eólicos ben xestionados

María Jesús Lorenzana
María Jesús Lorenzana CONSELLEIRA DE ECONOMÍA, INDUSTRIA E INNOVACIÓN

OPINIÓN

MABEL RODRÍGUEZ

28 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Xestionar ben e rápido, por esta orde. É a forma máis honesta que ten un administrador público de contribuír a que unha economía sexa dinámica e competitiva. Ben significa vixiar, respectar e facer cumprir as normas; e rápido supón priorizar, acelerar e tramitar no menor tempo posible e de forma responsable todos aqueles procesos relativos a unha actividade empresarial ou industrial. Razoable, verdade? Pois iso é exactamente o que a Xunta de Galicia tratou de facer cando no 2019 autorizou a unha compañía a repotenciar un parque eólico na localidade coruñesa de Corme (Ponteceso).

O Tribunal Supremo acaba de confirmar que o Goberno galego actuou correctamente ao reducir á metade os prazos do trámite de información pública para a avaliación de impacto ambiental deste parque eólico, resolvendo de forma paralela os informes sectoriais que elaboran os organismos con competencias na materia. Non é que se ignorasen ou se recortasen tempos por capricho. Simplemente, e atendendo á declaración de interese especial amparada pola lexislación autonómica, avanzouse sen alterar a capacidade dos cidadáns para presentar as súas alegacións. Esta resolución do alto tribunal revoga a anulación da autorización deste parque acordada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) no ano 2022, confirmando que os funcionarios autonómicos fixeron un traballo impecable, tanto na tramitación como na posterior defensa do bo facer da Xunta.

A sentenza ten unha relevancia extraordinaria, porque esas sombras de dúbidas administrativas se foron estendendo con outras variables sobre máis infraestruturas renovables en desenvolvemento. Por iso, ao coñecer o sentido do recurso, permitinme afirmar que era un día moi importante para Galicia e para o seu futuro económico. En termos similares ou incluso con maior énfase manifestáronse representantes de colectivos e empresas eólicas, pero tamén a industria en xeral e algúns sindicatos, non todos, que mantiveron nos últimos meses unha posición pública coherente cos seus principios.

Os galegos sensatos intuíron que cuestionar a tramitación dos parques eólicos estaba comprometendo o desenvolvemento das enerxías renovables, o futuro industrial, o emprego e os investimentos que necesita unha Galicia potente e sustentable. Agora sabemos que a Xunta actuou ben, e toca recuperar o tempo perdido e a confianza.