Prohibido o móbil

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

CARMELA QUEIJEIRO

02 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Se, na porcentaxe altísima do 75 % dos colexios, xa se prohibía o uso dos móbiles, e aínda así aumentaron os casos de acoso, emprego abusivo da pantalla e casos asociados de ansiedade e depresión, que é o que fai pensar ao Goberno galego que a prohibición por decreto serve para algo? Permítanme que sospeite de ganas de mover a ollada da opinión pública lonxe das folgas de profesorado, das ratios desmedidas, das baixas sen cubrir e dos pésimos resultados do informe PISA.

O mal uso dos móbiles é só un máis dos problemas da educación en Galicia, e non o máis grave: terán móbiles prohíbanse ou non nos centros, e utilizaranos para acosarse (ou non) na medida en que sexan acosadores, para ver pornografía (ou non) na medida en que reciban unha educación machista, para copiar traballos e exames (ou non), na medida en que se convenzan de que o importante é aprender, non competir por unha nota. Prohibir os móbiles porque maleducan é coma prohibir os coitelos porque matan.

Hai tempo xa que decidimos que non ía servirnos como sociedade unha idea vixente desde a Ilustración: prohibir non é efectivo para educar. Asumimos que o sistema educativo educaría só para crear unha cidadanía acrítica coas normas impostas por poderes incuestionábeis, e por iso depositamos na escola responsabilidades que nacen na casa. Pero, como convencer a nais e pais para que non dean un móbil á rapazada antes do razoábel? A resposta é tan fácil coma impopular entre mandatarios: educando, educando e educando, pero para iso hai que investir, investir e investir recursos. É moito máis útil facer un par de reunións, ampliar unha lei e converter ao profesorado en policía, que os titulares saen gratis e parecerá que todo muda sen que nada cambie.