Vémonos de novo dentro de doce meses

Sonia Villapol CIENTÍFICA NO CENTRO MÉDICO DE HOUSTON (TEXAS, EE.UU.) EQUIPO DE INVESTIGACIÓN INTERNACIONAL DO COVID-19 (COV-IRT.ORG)

OPINIÓN

Rober Solsona | EUROPAPRESS

06 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

É o máis alentador que che poden dicir despois da última revisión médica. Sen dúbida, a mellor das loterías é gozar de boa saúde, un agasallo que nos chega anualmente ata que algún contratempo esixe a nosa atención. Neses momentos, a preocupación e os verdadeiros desafíos fan a súa entrada. Deixan de interesarnos as novas que acaparan as conversas nas sobremesas e nos bares, relegámolas agora a banalidades, como a amnistía, a inflación, a peaxe da AP-9, os parques eólicos ou os conflitos na Terra Santa, e menos nos importa quen gañará ou perderá as eleccións. Neses momentos, o foco está na nosa saúde ou a dos nosos seres queridos. Co paso dos anos, as revisións médicas preventivas son máis frecuentes e necesarias. Cando temos un problema de saúde e non o detectamos, non é que non exista, senón que non aplicamos diagnósticos precisos ou a tempo. A detección precoz dun tumor, enfermidade cardíaca, trastornos metabólicos ou neurodexenerativos mellora significativamente o prognóstico e, en moitos casos, salva vidas.

Despois de máis dunha década nos Estados Unidos, presento unha lista de revisións recomendadas aquí, semellantes ás de Galicia, aínda que con algunhas diferenzas. Sen entrar en revisións pediátricas, a partir dos 30 anos as mulleres son sometidas a exames regulares de cancro de cérvix. Poñemos as vacinas anuais contra a gripe e a covid-19 cos reforzos axeitados ás variantes. Requírese tamén ter actualizadas as vacinas contra o tétanos e a difteria, herpes, ou a hepatite B, así como exames de detección de infeccións de transmisión sexual, VIH ou hepatite C. A partir dos 40 anos recoméndase realizar mamografías anuais acompañadas de ecografía, especialmente en mulleres con mamas demasiado densas, para detectar posibles masas con potencial canceríxeno. O cancro de colon, que afecta ao 13 % das persoas menores de 50 anos, experimentou un aumento do 9 % nos últimos tres anos neste grupo de idade. Por este motivo é recomendable realizar unha colonoscopia ó cumprir os 45 anos. Tamén se suxire un electrocardiograma anual e análises de sangue para comprobar a anemia, diabetes, problemas nos riles, hipertensión e outras condicións. A presión arterial mídese en cada visita, xa que a hipertensión, moitas veces asintomática, aumenta o risco de sufrir síntomas coronarios, enfermidades cerebrovasculares ou renais se non se diagnostica e non se trata. Aos 50 anos entran en xogo probas como a densidade ósea, o calcio cardíaco, o panel da tireóide e os exames de audición e visión. A saúde dental tamén require atención, xa que afecta non só aos dentes, senón tamén á prevención doutras enfermidades. Ademais, é fundamental prestar atención aos cambios na pel, especialmente aos lunares. A pandemia puxo de manifesto outra condición estigmatizada pola sociedade que tamén precisa atención: a saúde mental.

Aínda que a xenética inflúe na nosa saúde, é primordial educarnos sobre hábitos saudables para previr enfermidades. A pesar de seguir na busca de mellores tratamentos, para enfermidades coma o alzhéimer, a prevención segue sendo fundamental. Evitar o exceso de hidratos de carbono, facer exercicio con regularidade, durmir o suficiente, absterse de tabaco e alcol, manterse ben hidratado e comprender o funcionamento do noso corpo son factores cruciais para desviar a carga xenética cara a unha vida máis saudable. Maila todo iso, a sociedade debe esixir unha sanidade que responda a estas necesidades. A medicina convencional está en proceso de transformación cara a un enfoque de precisión, personalizado e integrador, onde as decisións médicas estarán apoiadas ou validadas pola intelixencia artificial. En definitiva, as ferramentas de diagnóstico innovadoras serán máis precisas e fiables, o que nos permitirá atopar tratamentos eficaces e darnos a confianza de que a nosa saúde está en boas mans.