39 textos rosalianos de alumnos (Lugo, 1963)

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

OPINIÓN

escaneada

01 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

En Lugo, no mes de decembro de 1963, o profesor de Francés Epifanio Ramos de Castro e mais eu organizamos e montamos, no Círculo das Artes, unha Mostra bibliográfica co gallo do centenario de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro, titulada Cen anos de Literatura galega (1863 - 1963). Un ano despois, a mesma institución, que dirixía o avogado Ramón Varela Méndez, editou, co mesmo título, o correspondente catálogo, que consta de 55 seccións, 2149 fichas e varios apéndices. Na clasificación e redacción das fichas colaboraron connosco dúas profesoras de Literatura, Hermesinda Ansedes e Emilia Pimentel, as nosas esposas. A cuberta do catálogo foi obra do pintor lugués Saturno Lois Piñeiro, autor, tamén, do suxestivo cartel anunciador da Mostra.

Titulábase a sección 2 Traballos [literarios e plásticos] dos alumnos de enseñanza media de Lugo, eles alumnos meus no Instituto Masculino, e elas, alumnas miñas na Escola de Maxisterio (só un traballo foráneo, do colexio Fingoy). Trinta e nove foron os traballos expostos e vinte, entre autores e autoras, os nomes, pois varios presentaron dúas ou máis colaboracións. Deses nomes, anos despois, algúns tiveron notable recoñecemento: o pintor José Ignacio Pardo Pedrosa, a pintora Clara Fernández Marín (que xa nos deixou), o pintor Manuel Vázquez Alemán e o escritor Fernando Ónega, autor de dúas importantes entrevistas, unha ao barbeiro de Padrón, Camilo Agrasar (fundamental na rehabilitación da Casa de Rosalía) e a outra a dona Gala Murguía de Castro. Sesenta e un anos despois, lembro, con pouca precisión, os textos literarios de Josefa Román Costa, Fernando Arribas Cortón e Isabel Sanjurjo Peña, de Ribadeo, a quen, por certo, examinou, na Reválida, de Relixión, o profesor de Literatura, que era eu (a lei, daquela, non o impedía). Agora, que estamos a celebrar o 187 aniversario do nacemento da Cantora, non carecería de interese recuperar os 39 traballos daquela pioneira mocidade naquel Lugo franquista. Nesta altura, non recordo ben se os traballos foron devoltos aos seus autores ou depositados nos arquivos do Círculo das Artes.