Queres 50 euros?

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

ANTOINE DEMAISON | REUTERS

08 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Escribir esta columna convérteme en personaxe de Black mirror. Nun stand cutre dun cento comercial interésome por unha oferta: cincuenta euros polo meu bonito iris verde, di unha especie de telepredicador con grans que promete a panacea dixital.

Eses cincuenta, oitenta ou cen euros en que se poden converter as criptomoedas que ofrece supoñen para min, escritora en tempos de ChatGPT, a triste fronteira entre vivir e malvivir, entre aceptar e non aceptar perder a dignidade no traballo. Tampouco Fausto pensou que fose tan terríbel venderlle a súa alma ao diaño, non?, e, no fin de contas, unha vez resoltas as coitas económicas, que máis teñen os usos da información biométrica sensíbel contida nos nosos iris? Vivirei para velo? Acaso notamos tanto a falta da liberdade que supoñen as cookies que aceptamos, por exemplo, só para non ter que memorizar a clave da nosa tarxeta de crédito? Notariamos tanto vender un ril, vender os óvulos, vender o útero? Entón, unha lousa de pobreza cae no momento de ver que a app do telepredicador tamén esixe aceptar cookies, termos e condicións: son as persoas pobres as que venden os seus corpos, haxa ou non haxa lei que o impida.

A banca sempre gaña. Abonda con anular a base de medo ou necesidade a intelixencia de cada cerebro detrás de cada iris para conseguir que creamos que non importa vendernos, en corpo e alma, con tal de seguir vivos e ter un móbil para pillar de primeiras a última ganga de Temu e pendurar en Instagram a foto do noso brunch. E cando só os ricos poidan permitirse a privacidade, as precarias teremos que preguntarnos se permitimos que o medo ou a pobreza nos maten a dignidade. Se a intelixencia artificial responde a iso é que en comprándonos o iris nos roubaron a verdadeira intelixencia.