A música como pretexto

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

X. ESTÉVEZ

23 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Durante un aciago bienio a morte estivo próxima para todos nós. O confinamento propiciou asemade os mellores sentimentos e o medo. Despois da pandemia, unha nova realidade está emerxendo, o individuo reprégase sobre si mesmo e vemos o futuro como unha predestinación, confiando excesivamente o presente ás fórmulas matemáticas e as próteses tecnolóxicas.

Cada día reclama un pranto ante as guerras e o sufrimento das persoas, e o pobre consolo de que «así é a vida» agocha a impotencia. As democracias plenas parecen esvaecer mentres se expanden as formas máis radicais da política. Diríase que retrocedemos máis do que avanzamos.

Emporiso, aínda pensamos, quizais inxenuamente, que a educación e a cultura en todas as súas formas son a mellor oportunidade para agrupar colectivos humanos e trabar inquietudes, emocións e razóns. A música é a primeira expresión cultural da persoa, mesmo antes da palabra, e a última que resiste ao deterioro cognitivo. Dalgún xeito, todos somos compositores e intérpretes de melodías propias e alleas. Por riba de diferenzas de toda índole, a xente nova cantan e bailan nos festivais, mentres nas salas de concertos se goza en silencio da música que convencionalmente chamamos clásica ou contemporánea, mentres nos conservatorios e escolas de música se consolida un nivel de aprendizaxe musical como nunca houbo.

O outro día asistín a un peculiar debate en torno ao peso da música contemporánea na programación da Real Filharmonía de Galicia. Moito do que hoxe consideramos clásico foi no seu día moderno; a música dos nosos tempos, como as demais manifestacións das artes, ás veces é rupturista e outras continuísta, sempre co desafío de perdurar e chegar un día a ser clásica. Acaso compositores como Stravinski, Korngold ou Saariaho son aínda demasiado «modernos»?

A Real Filharmonía, que naceu dun grande acordo no seo do Real Patronato de Santiago, é no día de hoxe o proxecto cultural máis importante e goza dunha gran calidade. A cultura, goberne quen goberne, demanda unanimidade entre os grupos municipais ante obxectivos como recuperar un bo festival de músicas do mundo, como teñen tantas cidades históricas, e así volver colocar a orquestra no ámbito internacional. Atraer público foráneo está na liña de fomentar un turismo de calidade, implicando os músicos, os cidadáns e os patrocinadores, que están á espera, sempre con mentalidade aberta a todas as expresións musicais.

Aquela Europa de Santiago necesita fortalezas, a música está convocada para ese fin desde Compostela.