Implantes no cerebro, a revolución?

Sonia Villapol
Sonia Villapol CIENTÍFICA NO CENTRO MÉDICO DE HOUSTON (TEXAS, EE.UU.). EQUIPO DE INVESTIGACIÓN INTERNACIONAL DO COVID-19 (COV.IRT.ORG)

OPINIÓN

La compañía Neuralink, propiedad del multimillonario Elon Musk
La compañía Neuralink, propiedad del multimillonario Elon Musk DADO RUVIC | REUTERS

31 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Incrustar dispositivos electrónicos no cerebro por medio da bioenxeñería é do máis normal do que se pode estar a falar no 2024. De adolescentes a principios dos 90, isto é o que imaxinabamos que pasaría ao ler a Isaac Asimov. Estamos a falar da interface cerebro-ordenador que permite a unha persoa usar os seus pensamentos para controlar un dispositivo coma un ordenador, unha tableta ou un móbil. Hai uns días saíu nos medios un vídeo dun rapaz paralítico cun implante cerebral do tamaño dunha moeda que lle permitía usar a súa mente para xogar ao xadrez en liña. Esta investigación executouse na empresa Neuralink, outra das fazañas do meu veciño texano, o innovador e multibillonario Elon Musk. Saltou aos medios e ás redes coma unha enorme revolución científica! Pero é tal a novidade?

Un mes antes, os inspectores da Administración de Drogas e Alimentos de EE.UU. atoparon problemas co mantemento de rexistros e os controis de calidade dos experimentos con animais en Neuralink, menos dun mes despois de que a start-up dixera que estaba autorizada para probar os seus implantes cerebrais en humanos. Aínda que as ambicións de Musk van máis alá de axudar a xente con parálise, o que lle preocupa é que os sistemas de IA con intelixencia competitiva humana poden supoñer riscos profundos para a sociedade e a humanidade, e quere adiantarse. Polo tanto, cara ao futuro, se non podes vencelos, únete a eles. O obxectivo é crear unha interface cerebral xeneralizada para restaurar a autonomía a aqueles con necesidades médicas insatisfeitas hoxe, e desbloquear o potencial humano mañá. Maila que o dispositivo Neuralink non é o primeiro, outras empresas coma Synchron implantan cirurxicamente chips no cerebro en humanos dende o 2021 e teñen unha tecnoloxía máis avanzada e menos invasiva. Tamén o fan desde Backrock, Neurotech, Paradromics ou Precision Neurosciences. Os dispositivos implantados no córtex motor do cerebro son capaces de ler os sinais químicos e eléctricos entre as neuronas e axudan a executar as funcións motoras. A nova tecnoloxía de enxeñería, algoritmos matemáticos en simbiose coa IA, permite estes avances, pero baséanse na ciencia básica de como o cerebro controla o movemento descrita hai máis de cen anos.

Eu traballo no Centro de Neurorexeneración en Houston, dedicado á investigación de reparación de danos cerebrais. Unha das miñas liñas de investigación é analizar as causas biolóxicas que levan aos pacientes con ictus a recuperarse mellor despois do implante dun dispositivo no seu pescozo que produce estimulación cerebral. Os meus colegas están creando exoesqueletos que mediante a máis avanzada robótica poden facilitar que as persoas paralíticas anden de novo baixo o control do seu pensamento. Tamén estamos a deseñar membranas a nanoescala que poden implantarse nos órganos e que medirían en tempo real alteracións metabólicas no corpo, algo alucinante para a detención precoz do cancro ou enfermidades cardiovasculares.

Pero isto tampouco é novo. Hai dez anos, cando era profesora na Universidade de Georgetown, tivemos a honra de recibir como relator ao doutor Miguel Nicolelis, un neurocientífico brasileiro que traballa en EE.UU. Presentounos os seus revolucionarios estudos de implantes no sistema nervioso que axudaban a xente paralítica a camiñar. O doutor Nicolelis publicou hai 20 anos un artigo que virou a capa da revista Neurosurgery describindo como 11 pacientes usaron a interface cerebro-ordenador para controlar un cursor da computadora coa actividade do propio cerebro e podían xogar un videoxogo. Seica alguén está atrasado 20 anos?

Nada acontece da noite á mañá, os avances chegan despois de décadas de investigacións, maila que a innovación técnica aumentou nos últimos cinco anos a medida que os equipos de neurotecnoloxía se están interesando máis por estas investigacións. Aos implantes neuronais para as melloras motoras e sensoriais seguiranlle os das melloras cognitivas. Non andamos moi lonxe.