A inocencia do racismo

Antón Rivero Coello O ESPOLÓN

OPINIÓN

AFP7 vía Europa Press | EUROPAPRESS

03 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando xogaba ao fútbol nos xuvenís do Antela F. C., lembro un xogador negro que nos acompañou algúns partidos. Teño mala memoria e non sei exactamente de onde viña. Algúns daqueles outros compañeiros é probable que lembren o seu nome e talvez a súa procedencia e as circunstancias que o trouxeron a unha vila coma Xinzo. Eu apostaría a que debía de ser algún daqueles rapaces que estaban no Benposta do padre Silva, e que o fichamos, máis ca pola súa técnica, pola súa gran velocidade. Iso si que o lembro, como tamén as bromas un pouco humillantes que algúns lle facían nos vestiarios, xa que nunca se duchaba connosco e a cor da súa pel inspiraba certa estrañeza naquela época.

Aquelas brincadeiras aparentes de finais dos anos setenta, que talvez as queriamos ver coma un xeito de o integrar no equipo, provocaron naquel rapaz un par de bágoas de rabia e impotencia, e non o sei, pero se cadra marchou do equipo por mor diso.

É agora cando me decato desa realidade, e sei que nós mesmos eramos vítimas dunha sorte de racismo inocente que mamabamos dos maiores e dunha sociedade machista e xenófoba que aínda respiraba inconscientemente todo o aprendido durante o franquismo.

Eran outros tempos, si, nos que aínda cabía esa foto un pouco vergoñenta onde estamos 22 rapaces futbolistas atados por parellas, perna esquerda con dereita, para xogarmos un partido contra once rapazas.

É certo que pasaron máis de corenta anos daqueles días, pero tanto na ollada do porteiro Cheikh Kane Sarr, que se enfrontou con certa temeridade aos afeccionados que o insultaban dende as bancadas, coma nas bágoas do polémico xogador Vinícius, vin concentrada toda a rabia daquel futbolista negro, sentado, só, nun banco do noso vestiario, vítima do noso racismo alegre e inocente.