Datos e metadatos

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

11 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

«Verba volant, escripta manent». Coidado co que se manda nas mensaxes de correo electrónico: a falta de precaución descobre adulterios, cambadelas políticas, roubos de propiedade intelectual, etcétera. Na teoría da comunicación distínguese entre datos e metadatos nas mensaxes. Os datos son elementos imprescindibles para a comprensión por parte do receptor. Se algún falta, a mensaxe non é válida. Cando a telegrafía reinaba, o emisor enviaba as palabras xustas, pois pagaba polo número delas, e velaí o chiste sobre o xeneral Perón durante a visita da súa esposa a España. Seica lle escribira «EVITA BESOS Y ABRAZOS».

Hoxe as mensaxes de correo electrónico poden ser longuísimas, conteñen incontables metadatos. Mais, alén dos metadatos do discurso, cómpre ter en conta os que acompañan ao non discursivo, introducidos polo sistema de transmisión. Nunha primeira camada dos metadatos de compañía están, por exemplo, os referentes ao momento de emisión. Ora, hai outras camadas deles que pode interpretar un experto en telemática. As mensaxes non circulan directamente entre os dispositivos emisor e receptor: pasan por cadanseu servidor de correo, que garda metadatos dabondo para —no eido delictivo— poderen actuar policías e xuíces. Pasan os anos e alí fican, grazas ao cal se resolven moitos casos.