O Ribeiro segue a amosar o mellor dos seus viños nunha xornada que animarán Los Satélites

La Voz J. M. G. | OURENSE

OURENSE

MIGUEL VILLAR

29 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

A feira do Viño de O Ribeiro segue a congregar público na súa segunda xornada no seu recinto da Alameda de Ribadavia. No domingo foron moitos os forasteiros que quixeron repetir nesta cita ou ben coñecela por vez primeira. A música das charangas e dos postos animou a xornada para degustar os bos viños. Manuel Albariño chegou dende Ferrol. É a segunda vez que baixa ata Ribadavia e sentiuse cómodo. «Esta vila é moi bonita para visitar en calquera época do ano e a feira está moi ben porque podes probar e coñecer moitas variedades de viño e levar algún para a casa». Manuel probou máis o branco nesta ocasión. Louba o sabor dos ribeiro e dí que lle teñen «un sabor afroitado, moi bo para beber e acompaña moi ben case todas as comidas». Domingos Maia chegou de Santa María da Feira, Portugal. Vende tapóns de corcho e na ducia de anos que leva acudindo nota que a feira «está indo un pouquiño para abaixo. Clientes a comprar non hai. Veñen a tomar o viño e o que fai falta é poñer unha boa gastronomía para a xente. Hai que cambiar un pouco», subliñou. Manuel Rodríguez foi colleiteiro, é de Ribadavia e non dubidou en decir que «esto vai a menos e non é culpa nosa, que nós traballamos e sulfatamos como escravos, é do Consello Regulador que arruinounos. Os nosos viños son marabillosos, estamos cambiando a planta e vai mellorar nun 90% a calidade do ribeiro pero seguimos en que non podemos comercializar», sinalou. O público degustou o viño nas casetas e tamén outras viandas como o chourizo asado para encher o estómago. Os máis maiores botan de menos aqueles tempos nos que, como sinala Ricardo Díaz, de Cartelle, que foi transportista, «cando non había coches xa tiñas que aparcar aló ao fondo, na entrada da vila». De Oporto viñeron cidadáns como Elisabete María que non coñecía o viño do Ribeiro pero dixo que semella «un poquiño parecido cos nosos portugueses». Mercedes Fernández veu co seu marido dende A Coruña. Ribadavia non lles é destino descoñecido porque o esposo é distribuidor de viños. «Penso que este ano viñeron menos bodegas non sei si é porque é o segundo día da feira ou porque a maior afluenza de xente vai ser mañá, día 1», explicou. Xente por asquí e acolá conversando entre amigos ou enfamila, homes e mulleres bebendo ou abaneando a copa para deixala ben seca. É o ouro dunha terra, o viño máis famoso de Galicia na súa grande festa anual. Esto combínase co mercado artesanal na praza da Madalena, coa animación da charanga do pena Seibes e co baile e verbena a cargo da orquesta Grupo Aramio. Neste luns haberá música coa charanga Sinolas, baile con Los Satélites e ximnasia rítmica da primeira fase da Copa Deputación ás 11.30 horas. Ribadavia está de festa e paga a pena visitar os postos das bodegas na Alameda.