«Temos que aforrar ese diñeiro. Se non, non damos pagado»

Miguel Ascón Belver
miguel ascón OURENSE / LA VOZ

OURENSE

O rexedor pide diálogo aos sindicatos para chegar a un acordo «menos lesivo» que o ERE

12 abr 2012 . Actualizado a las 07:01 h.

O alcalde de Xinzo ten claro que a orixe dos problemas veñen do convenio colectivo que rexe as relacións laborais no Concello. «Cando hai un litixio entre o traballador e a entidade e gana o traballador, en calquera sitio do mundo o xuíz ordena unha de dúas, ou a indemnización ou a readmisión. Pois no Concello de Xinzo a elección é do traballador. Así foi como se foi enchendo o Concello de xente», di Antonio Pérez.

-A CIG di que vostede seguiu incrementando o persoal.

-Cando falan diso, calculo que se refiren aos subvencionados que nos da a Xunta. O ano pasado nos deron un obradoiro de emprego e non iamos dicir que non. Non teñen custo para o Concello e se na nova orde, que o prazo está aberto, me deran 28 persoas, as collía.

-Vostede formou parte do goberno de Isaac Vila entre o 2007 e o 2010, ¿non sinte parte de culpa?

-Durante a lexislatura anterior non se firmou ningún convenio. O último que se fixo a nivel laboral foi o 15 de maio de 2007 [cando Isaac Vila referendou o convenio colectivo] e eu nin era concelleiro de Xinzo. Entrei no mes de xullo de 2007. Pero independentemente do que se firmou entón, dese anexo con subas salariais, non ten nada que ver coa raíz do problema, que xa viña do convenio da época de Ramón de la Fuente. Despois o tripartito firmou un acordo e outro Isaac Vila. É algo que se ven arrastrando desde a corporación do 95 ao 99, É verdade que Isaac o referenda porque estivo moitos anos e fixo cousas boas e malas, pero este problema non é culpa dunha soa persoa ou dunha soa corporación.

-¿Ve posible o diálogo tendo en conta que dixo vostede do líder sindical, entre outras cousas que é un experto en «panfletadas»?

-Ese é o meu obxectivo. Os plans de axuste dos 92 concellos falan de ingresos e de gastos, porque é lóxico. Nós plantexamos nunha das opcións un ERE porque é unha das opcións que nos deron secretaría e intervención, pero empezamos o martes a negociar e temos dous meses; para chegar a un acordo onde a medida máis desexable sería unha rebaixa lineal dos salarios. Se non se chega a iso ou a unha redución de xornada, haberá que chegar a algún tipo de regulación porque o que está claro é que temos que aforrar ese diñeiro. Se non, non damos pagado. É a nosa última alternativa e esperamos que os sindicatos sexan coherentes e consecuentes coa situación actual e podamos chegar a un acordo menos lesivo.