«A mostra con Lamazares e Vidal Souto foi un encontro de amigos»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

OURENSE

MIGUEL VILLAR

O pintor traballa nunha gran exposición que se verá en Ourense neste 2015

25 ene 2015 . Actualizado a las 13:00 h.

Alexandro é un verso solto da arte, unha sorte de ácrata que non acredita en nada. Ou en case nada, ou que quere que os demais crean que el non cre en cousa algunha. Agás na pintura e na amizade. Un labirinto en si mesmo no que un tal Alejandro González Cruz se atopa co pintor Alexandro e no que seica se trabucan as datas de nacemento, cousa dalgún díxito que mudou en trasno nun errado artigo primixenio.

Foi pintor en branco e negro e chegou á cor. Do Ourense iniciático fuxiu cara a Berlín, París, Barcelona, Dublín ou Madrid -anos de formación, ilusións, amores e etapas creativas-, e rematou ancorado na Costa da Morte; Muxía por patria e por bandeira.

Na vila mariñeira atopou o que buscaba: «Estaba farto de vivir en cidades grandes. E cando xa tes unha carreira formada e unha idade necesitas un espazo onde podas traballar con tranquilidade e no que prime a calidade de vida. En Muxía, onde cheguei no 2004, só hai soedade e traballo. E un mar bravo. Daquela non hai outra cousa máis que pintar».

E faino arreo. Argalla unha gran mostra que se poderá ver este ano en Ourense e está certo que vai ser un acontecemento: «A algúns seguro que lles gusta, e moitos van dicir que non entenden nada. Seguro».

A exposición que xuntou o traballo de Alexandro, Antón Lamazares e Vidal Souto no Centro Cultural da Deputación foi a máis visitada deste espazo ao longo do 2014. El lémbrao como un sentimento: «Somos máis ou menos da mesma xeración, dous ou tres anos arriba ou abaixo, e sempre mantivemos unha grande amizade. Comenteilles por que non facíamos algo xuntos e aí naceu o proxecto. Foi un encontro de amigos. Coñecémonos nos 70 e montamos colectivas e compartimos moitas anécdotas. Daquela non vendíamos nada e metíamos todos os cadros nunha furgoneta para ir expoñer por aí e pagábamoslle ao do transporte cunha obra. Era o que había!».

Ourense teno interiorizado e dubida se elexir a praza de San Marcial ou a da Madalena. Na primeira compartiu veciñanza e amizade con Vidal Souto: «El era o veciño rico, vivía no terceiro, e eu o pobre do ático. E estabamos rodeados de putas» -recita o nome dos locais como quen reza un rosario-. Na segunda foron coñecendo a vida e as súas linguaxes: «Había un bar aquí á entrada que era medio pub. Daquela este sitio era perigoso, e ao mesmo tempo un símbolo de liberdade: xente facendo pintadas, uns mexando por unha esquina, outros rifando... viñamos Vidal Souto e máis eu porque era un lugar onde estabamos a gusto».

Alexandro sigue sen pór título aos cadros e fuxindo de clasificacións: «Un catedrático dixo unha vez que era o pintor máis importante da nova figuración. Pregunteille que era eso da nova figuración e díxome ?o que fas ti?».

alexandro