Longa vida ao Ateneo

Noela Blanco OLLADAS DESDE OURENSE

OURENSE

26 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

No local do Ateneo da Avenida da Habana levaban tres anos co corazón nun puño esperando recibir en calquera momento unha notificación que os avisara de que debían desaloxar este espazo no que se asentaban de maneira provisional, e que levaba á venda dende o ano 2014. Casualidades da vida, a poucos días de que celebrara o 48 aniversario do seu nacemento, recibían o que case se podía considerar a acta de defunción e o seu enterro definitivo: o temido burofax remitido por unha entidade bancaria.

Despois de anos nos que os socios e socias do ateneo tiveron que pelexar sós, polo nulo apoio das institucións, e todo sexa dito, dunha cidadanía que non sacou as uñas con orgullo e carraxe por unha institución que forma parte do noso pasado e presente cultural, social e político, o Ateneo lanzaba un SOS ao que acudían organizacións políticas, sindicais e culturais da cidade.

En poucos días constituíase unha plataforma para darlle osíxeno, o que era tamén a mellor maneira de comezar a saldar a débeda que os ourensáns e ourensás tiñamos cunha entidade que se mantivo no tempo aberta á sociedade ourensá, coma un referente cultural que acolleu entre as súas paredes dende campionatos de xadrez con repercusión máis aló da nosa provincia, a lugar de reunión de plataformas cidadás, ata punto de encontro de figuras tan senlleiras da nosa cultura coma Vicente Risco ou Blanco Amor, pero que sobre todo foi dende os seus comezos un reduto para debater en liberdade, e un referente de tolerancia e diversidade.

Este venres o Parlamento de Galicia daba, a iniciativa do PSdeG, un novo alento de esperanza a esta entidade aprobando por unanimidade que a Xunta lle cedera un local antes de que remate este ano.

Esperemos que non sexa un novo brindes ao sol, e que nesta ocasión os membros do Ateneo, en especial aqueles que o viron nacer, cando teñan que abandonar o local non o fagan con bágoas nos ollos, senón con brillo na mirada e sorriso de ilusión que amosen que tanto as penurias coma a loita destes anos non foron en balde.