Amo da casa

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

26 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai 30 anos un cura entraba na asociación de amas de casa da Rúa e montábase unha revolución. ¿Que facía un home facendo cousas de mulleres? Porque coser un botón era cousa de mulleres. Ou pasar o ferro. Ou lavar a louza. Ou cociñar. Os tempos levan mudado moito, e xa é habitual que ata os homes coiden dos fillos (incluso os mesmos que agora de avós confesan cambiar cueiros con ledicia, cousa que nunca fixeron cando así o precisaron os seus pequenos). O de «que ata», léase con ironía, por favor. Porque pese a que xa vai sendo máis normal, o certo é que aínda se escoitan moitas frases -e moitas veces veñen de xente moi nova- sobre que a súa parella (home) «colabora» nas labores do fogar ou no coidado dos nenos. Se un fogar se monta entre dous (e despois se unen máis, ou non), debería tamén coidarse entre dous (e despois ir sumando ao resto segundo medren). Digo eu. Fraco favor lle estamos facendo ás xeracións futuras (e ás presentes) se non educamos na igualdade á hora das tarefas. A nena ten que recoller os pratos da mesa, ao igual que o neno. E se toca axudar, toca para todos. ¿Que son aburridas? Niso concordo, pero non creo que menos aburridas para unha nena que para un neno. Nese punto creo totalmente na igualdade. A quen lle guste cociñar non lle influirá o sexo, e o mesmo pasará entre os que o detesten. Aínda que non somos iguais, hai temas nos que non debería haber diferenzas. Pero hainas. Que haxa un único matrón no CHUO evidencia que aínda temos moito que andar niso de acabar cos estereotipos de «cousas de nenos e cousas de nenas». Se traballamos xuntos, acabaremos antes.