Quérote

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

18 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Éa miña palabra favorita. Polo que di nunha soa, polo que significa e polo que me fai sentir (canto a digo, canto a sinto e cando a escoito de boca de quen quero). Pero hai moitas máis. Onte foi o día de sacar a relucir a lingua e Galicia encheu de bolboretas, agasallos, feitizos, afouteza e demais palabras ben bonitas e feitiñas que temos. A pena está en que aínda precisemos un día para reivindicalas. O 17 de maio segue a non ser un día de festa, senón que se mantén como unha xornada de protesta. E iso pasa porque para moitos o de onte só foi un día libre no medio da semana (que no caso de Valdeorras serviu para que un bo número de veciños fuxiran cara Ponferrada, como acontece en cada día festivo no que alí abre o comercio). Oxalá se poida ver un 17 de maio dedicado a gozar dun idioma que vive unha época dourada. Etapas escuras xa pasou moitas, e aínda pasa tempos difíciles. Basta ver como falan algúns dos nosos representantes políticos, que lle lanzan unha patada ao dicionario cada vez que abren a boca; que se atinasen tanto nos golpes nun balón, Ronaldo podía tremer con tanta competencia. Mais despois ves aos cativos do parque xogar na nosa lingua e entón penso que hai esperanza, que xa pasou por tempos peores e con menos medios e aí estivo sempre, na resistencia. Un pouco o que pasa tamén no xornalismo en papel, que din moitos que quedará só para os románticos. Será entón que a min pásame iso, que son unha romántica, e por iso adoro ler o xornal en papel e ir parando no medio para dicir un quérote. Unha soa palabra exprésao todo. En castelán precisan dúas para dicir o mesmo. En inglés, tres.