«Hai moito patrimonio e deixouse de usar hai nada»

m. rodríguez VILANOVA DOS INFANTES / LA VOZ

OURENSE

MIGUEL VILLAR

18 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Moitos dos artesáns que participan na romaría Raigame xa levan anos acudindo á cita do día das Letras Galegas en Vilanova dos Infantes. Entre eles, Fernando Ibarra, que onte trouxo a novidade de amosar como se construe unha roda de carro. Do mesmo xeito que moitos dos artesáns que acoden á festa, Ibarra vive desta actividade. «Un 80 % do traballo é mantemento e un 20 % para decoración. Aínda hai moito patrimonio e hai nada que se deixou de usar. Agora é para outros usos», di o artesán chantadino que restaura hórreos e outras pezas.

En Vilanova ensinou onte como se facían as rodas de carro, que se colocan en quente o que permite poñer a lamia sen usar nin un só cravo. Ibarra pensa que o público se interesou por esta actividade: «As cousas novas agradécense. Hai oficios que se coñecen e se conservan mellor como os oleiros e cesteiros».

O artesán tamén recibiu información dalgún dos asistentes que hai anos construíra estas rodas. «Para nós é interesante falar con xente que de novo as facían e nolo transmiten», reflexiona.

Ferreiros, oleiros, canteiros e como non zapateiros -como un artesán de alpargatas chegado de Asturias- e que non podían faltar na vila que no pasado foi coñecida polo número de veciños que se dedicaban a facer zapatos.