Indíxenas e americanos

Noela Blanco OLLADAS DESDE OURENSE

OURENSE

17 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Jeremy Irons interpreta na película La Misión a un xesuíta que sen máis armas que a súa fe e unha frauta, tras ser aceptado polos indios guaranís, crea unha misión en plena xungla tropical. Algo así pero sen frauta e sen fe e con pouco parecido a Jeremy Irons debe ser como se senten os americanos cada vez que veñen convidados pola Deputación de Ourense, como se estiveran nesa película dos anos 80 que mezcla aventuras e drama.

A aventura que supón vir a Ourense, un sitio co que teñen tanta afinidade coma nós cos indios guaranís, que proveñen dun país onde segundo unha enquisa realizada por empresas lácteas, 16 millóns de americanos cren que o batido de chocolate provén de vacas de color marrón. Unha viaxe na que proban os nosos manxares que van dende o polbo á feira e a empanada á bica de Trives, regados polos nosos viños mentres escoitan a banda de gaitas e se comunican por mímica cos indíxenas do lugar. O que trasladado a nosa época serían unhas vacacións con pulseiriña de todo incluído, na que de cando en vez te sacan de excursión en autobús para facer turismo.

Non sabemos se é verdade que como nos contou Baltar aos indíxenas, os que nos visitan son políticos importantes do seu país, ou polo contrario onde os coñecen é na súa casa, pero o caso é que veñen de misión a Ourense a explorar, que non explotar, o noso territorio.

Pero esta película tamén ten unha sobredose de drama ademais de comedia, a dunha provincia na que os pequenos viticultores seguen sen axudas do goberno meses despois de que as xeadas arrasaran o seu medio de vida, onde os terreos industriais parecen as pistas de aterraxe dun aeroporto, onde hai centos de pais e nais esperando que operen aos seus fillos porque soamente temos un cirurxián pediátrico, cun devalo demográfico que pon os pelos de punta... todo elo mentres o presidente da Deputación segue xogando as películas. Imaxinen que risas para eles e que drama para nós, cando este encontro na terceira fase rematou explicándolles «que máis que vender, o que queremos é compartir para crecer».