Termalismo e demografía

Xosé M. Rodríguez ANACOS

OURENSE

20 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

on me dou posto de acordo. Por veces vexo o futuro desta provincia cheo de grandes superficies cementadas, compartindo o horizonte con outras aínda máis longas de explotacións animais -de dúas e catro patas-. E todo isto mesturado con fincas a ermo, mato e terreos agrícolas abandoados sobranceando polas antigas aldeas habitadas en tempos.

Outras doulle creto a quen me define un futuro cheo de xeradores de emprego no sector aeronáutico e das tecnoloxías, mesturado cunha disque arcadia da auga e a calidade de vida dos espazos aínda non deturpados que van quedando afastados dunha costa urbanisticamente desfeita.

E nos días feirados, é un dicir, a marea sempre trae a mesma melodía: un futuro de termalismo, saúde e lecer harmónico.

Nese negociado que ten como obxectivo pechar a ferida da poboación que non hai nin se espera, a cargo dunha exsenadora ourensá que nin era nin se lle agardaba, agora falan do termalismo como unha solución para o rural. Para cal? Esa película xa a proxectaron: eran as aldeas rurais termais e saiu da cociña da Deputación e do Inorde. A idea estaba ben envolta: pequenos enclaves termais, na liña da tipoloxía Chavasqueira-Prexigueiro, para aproveitar uns recursos que temos abondo e que nadie pode deslocalizar. Moitas intevencións para sementar pequenos nichos de actividade nas aldeas.

Non tivo futuro. Entre outras cousas porque os mananciais e os dereitos das augas teñen dono e ao mellor tampouco están estes pola tarefa, nin as administración por regalar o diñeiro. Tocádelle outra.

N