O Premio Pura e Dora Vázquez, unha festa en Cea

La Voz OURENSE

OURENSE

O acto converteuse nunha festa no colexio de Cea porque un dos premiados é mestre alí.
O acto converteuse nunha festa no colexio de Cea porque un dos premiados é mestre alí. Alberte Paz

Pablo Nogueira, mestre no colexio da localidade, e Eva Piay, de Rubiá, recolleron os galardóns

21 may 2022 . Actualizado a las 18:26 h.

Pablo Nogueira Campo (O Carballiño, 1987) é mestre de Audición e Linguaxe no colexio de público Virxe da Saleta, de San Cristovo de Cea. O centro converteuse onte nunha festa para homenaxealo porque alí foi onde a Deputación de Ourense lle entregou o Premio Pura e Dora Vázquez na súa modalidade de narración. Na de ilustración foi Eva Piay Fernández (Rubiá, 1999).

Ambos son os autores do libro O clube de coleccionistas de selos, unha historia contada desde «unha perspectiva inclusiva que dá visibilidade á diversidade funcional entre a infancia», destacou o xurado. Precisamente, Pablo Nogueira fixo fincapé en que tratou de artellar unha obra «onde aspectos como a inclusión, a diversidade e a diferenza cobrasen unha grande importancia». Con respecto a Eva Piay, o xurado di que as súas ilustracións «ofrecen panorámicas e contextos diversos que representan perfectamente a idea da diversidade que ofrece a narración».

No acto estivo presente o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández, que resaltou a importancia da figura das irmás Pura e Dora Vázquez na literatura infantil. Recordou, de feito, que a Xunta de Goberno da institución validou esta mesma semana a proposta do seu presidente, José Manuel Baltar, de pedir que se lles dedique o Día das Letras Galegas do ano 2023.

O galardón, dotado con 1.500 euros para cada modalidade, ten como obxectivo fomentar a lectura do público novo e recoñecer o traballo dos autores.

Os premiados, coas autoridades asistentes ao acto.
Os premiados, coas autoridades asistentes ao acto. Alberte Paz