Javier Romero falou de grandes reportaxes no seu pregón da Feira do Libro de Ourense

La Voz OURENSE

OURENSE

Javier Romero, durante el pregón de la Feria del Libro de Ourense
Javier Romero, durante el pregón de la Feria del Libro de Ourense Santi M. Amil

O redactor de La Voz de Galicia inaugurou a cita coa literatura na rúa do Paseo

09 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Ata o 11 de xuño • De 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.00 horas • Rúa do Paseo • A Feira do Libro de Ourense botou a andar este mércores e contou coa presenza do xornalista Javier Romero (Xinzo de Limia, 1980) como pregoeiro. Redactor de La Voz de Galicia en Vigo, Romero é autor do libro «Operación Marea Negra», no que recolle o seu traballo de investigación sobre o narcosubmarino detectado hai uns anos en Galicia e todo o relacionado coa operación, os galegos que participaron na mesma e como se acordou a iniciativa en Colombia, país ao que viaxou para coñecer o proceso de creación dos narcosubmarinos que empregan para introducir droga en EE. UU.

Romero centrou a súa intervención, á que titulou «Libros e xornalismo», en como te vas atopando no traballo diario con historias que sobrepasan o marco do xornal e que rematan tendo unha nova vida en publicacións centradas en grandes reportaxes ou crónicas, mesmo nalgún caso literarias. Citou libros como o pioneiro de Perfecto Conde sobre o narcotráfico, o de Felipe Suárez na mesma liña, as historias do novo xornalismo de Tom Wolfe ou casos como o de Pérez Reverte e as crónicas que conforman o libro «Territorio comanche». Tamén citou «Viaje a la aldea del crimen», do escritor Ramón J. Sender. Romero, cuxa obra foi convertida nunha serie audiovisual, incidiu en que «dende o xornalismo local nacen historias que son de interese xeral e universal».

De Paloma de Toro a Pato

Na segunda xornada contarase coa presenza de escritores para asinar —de Paloma de Toro a Pemón Bouzas, entre outros— e Cristina Pato presentará a súa primeira novela (19.00 horas).