Ourense, a patria das palabras de Xesús Alonso Montero

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Alonso Montero lembrou a súa estreita relación con Ourense
Alonso Montero lembrou a súa estreita relación con Ourense Santi M. Amil

O expresidente da Real Academia Galega recibiu a Medalla de Ouro do Liceo

07 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Nacía Xesús Alonso Montero cando ía camiño das súas últimas semanas o ano 1928. Fíxoo en Vigo, como un máis daqueles fillos de ribeiraos que marcharon cara á costa co obxectivo de ir á procura dun futuro mellor. E de conseguir unha situación económica que lles permitise ofrecer aos seus fillos as oportunidades que eles non tiveron. Educado en castelán, o mundo rebirouse para el cando aos 9 anos chega á Ventosela orixinaria dos seus pais. E alí, como lembrou onte no salón noble do Liceo, foi onde tivo lugar a descuberta das palabras, do galego e dos ideais que marcaron a súa vida de compromiso para conseguir un mundo mellor e máis igualitario.

O Liceo de Ourense acordaba o pasado 24 de maio conceder a Medalla de Ouro da entidade a Xesús Alonso Montero pola súa traxectoria persoal e profesional, a súa relación e colaboración de anos coa entidade e pola súa estreita relación coa cidade. E precisamente nesa circunstancia incidiu o destinatario do recoñecemento. Nunha intervención titulada Ourense, eido farturento de palabras, na miña biografía intelectual: discurso de gratitude Xesús Alonso Montero preguntouse —lembrando a Curros cando lle concederon a coroa de poeta en 1904 na Coruña— quen era el para recibir a honra concedida, expresando o seu agradecemento e desconcerto por tal galardón.

«Eu son o home das palabras, o que estudou filoloxía polo seu contacto con xente de Ourense, algunha case analfabeta e outra de prestixio, coma Otero Pedrayo, e que se comprometeu con eles a utilizar as palabras», sinalou. Tamén lembrou a aquel «comunista das silveiras» que o iniciou no compromiso social. O mítico canteiro que logo deu nome a un dos seus libros. «Petouto foi o que fixo a cantería da casa dos meus pais na Grova», recordou.

 Medalla de Ouro do Liceo

O presidente da institución, Xavier Casares, fixo un percorrido pola traxectoria do homenaxeado antes de proceder á entregar da medalla. Xunto á súa faceta de profesor, investigador e autor de máis dun cento de obras lembrou o seu compromiso político.