Marta Alonso: «O sofá é o espazo no que atoparse cando remata a xornada e compartir experiencias»

x. m. r.

OURENSE

Marta Alonso estivo na MIT do 2022 con <Sofá>
Marta Alonso estivo na MIT do 2022 con Santi M. Amil

A actriz e Pablo Reboleiro traen unha obra que mestura teatro, circo, música en directo e cancións

20 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O FITO propón dúas montaxes para esta xornada. A ourensá Marta Alonso e o seu compañeiro Pablo Reboleiro estarán no Teatro Principal co seu espectáculo «Sofá» (oito da tarde) e polas rúas da cidade andarán os membros de A Run Run coa súa obra «Gravidade cero». A compañía de Marta Alonso estivo na Mostra de Teatro de Ribadavia coa versión inicial de «Sofá», montaxe que en marzo deste ano se estreou no seu formato adaptado aos espazos pechados.

—Volve a casa e cun sofá.

—E con moita ilusión. Sempre é un acontecemento para min volver a Ourense, polos afectos, polas amizades e por estar no escenario do Principal, que é onde bailaba de pequena.

—Cando era iso?

—De nena íamos todos os anos alí. Eu ía a clases a Miriam e actuabamos alí. Bailar nese escenario agora é superemocionante para min.

—Danza, acrobacias, música e cancións en directo...

—«Sofá» é un espectáculo moi ligado á miña compañía de danza. Ten teatro, danza, un pouco de circo, cantamos e Pablo interpreta música en directo. É un espectáculo «moi real» porque Pablo Reboleiro —de Pistacatro— é o meu compañeiro na vida real e nesta montaxe, e sempre hai unha conexión máis estreita e unha complicidade.

—Como naceu o proxecto?

—Foi un exercicio de levar á ficción o que che pasa na realidade cotiá, como parella, como individuos e tamén como sociedade, porque son situacións que nos pasan a todos. Naceu a proposta a raíz da pandemia, na que estivemos aí a tope tentando dar resposta a todo e, por riba, cunha filla pequena. Había que atender os compromisos, conciliar, non había maneira de coincidir cinco minutos xuntos e tiñamos que ir resolvendo todo sobre a marcha. E en lugar de irnos de vacacións metímonos a facer unha montaxe na que rematamos cantando e bailando nun sofá.

—Nunca un deu para tanto.

—Certo. É que ben mirado tense convertido, sexa de Ikea ou de quen sexa, nun espazo de referencia. É ese lugar no que atoparse cando remata a xornada e compartir as túas experiencias, reflexións e sentimentos. Tamén pode ser o lugar onde se fan patentes as diferenzas e os desencontros. E mesmo ás veces un imposible, porque nin tempo tes para compartir cinco minutos coa túa parella.

—Estivo con «Bailando» no Principal e agora con «Sofá». Traballa nalgún proxecto?

—Agora estou centrada na nova versión de «Sofá» e manteño o espectáculo «Bailando». E estou matinando nunha montaxe de rúa.