Philipe Gabriel amosa en Roberto Verino a súa «Pele»

La Voz

OURENSE

Gabriel e Verino na inauguración da mostra
Gabriel e Verino na inauguración da mostra Miguel Villar

A primeira mostra do portugués no noso país chega da man da Asociación Outono Fotográfico

07 nov 2023 . Actualizado a las 18:12 h.

Novembro • Horario comercial • Roberto Verino • Da man do Outono Fotográfico chegou ao espazo de arte de Roberto Verino a mostra «Pele», de Pihilipe Gabriel. O proxecto do artista portugués estivo exposto ao público hai uns meses na Galería Imago, de Lisboa. A de Verino é a primeira mostra do fotógrafo no noso país.

 

En «Pele», Gabriel reúne unha selección de obras «que exploran as complexidades da relación materno-filial, a través dunha singular abordaxe da fotografía vernacular que nos leva ás profundidades da memoria persoal e colectiva». No acto de inauguración da mostra interviñeron Roberto Verino, Philipe Gilbert, Vítor Nieves —comisario da mostra— e Xosé Lois Vázquez, da Asociación Outono Fotográfico.

Na súa proposta, o fotógrafo propón un álbum familiar cun universo moi específico: o protagonizado por unha nai e o seu fillo. Unha duplicidade que por momentos remata coa vida calma e tranquila para se volver visceral. E tamén acaba por rachar, na aposta do artista, os lazos simbólicos que xuntan ás persoas. Philipe Gabriel, que é autor do fotolibro «Francisca» (2020), entende a fotografía «como un método de investigación artística sobre as relacións humanas».